publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Marina Castaño e os outros investigados da Fundación Cela regresan aos xulgados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrónPortada esquerda
A-
A+
Europa Press

A viúva de Camilo José Cela, Marina Castaño, e o resto de investigados por un suposto delito de malversación de fondos públicos en relación á Fundación acudiron este xoves até os xulgados de Padrón (A Coruña) para recoller a notificación desta peza do procedemento que se levará a cabo con xurado popular, un acto no que as defensas aproveitaron para volver reclamar o sobresemento da causa e opuxéronse ás imputacións.

Os primeiros en chegar aos xulgados padroneses, sobre as 11,30 horas, foron o exconselleiro do Consello de Contas Dositeo Rodríguez e a súa filla Covadonga, xunto co seu avogado, Evaristo Nogueira, seguidos do ex xerente da Fundación Tomás Cavanna.

Sobre as 12,30 horas chegou até os xulgados a viúva do Premio Nóbel, Marina Castaño, seguida de preto polo seu avogado, con aspecto serio e sen querer facer declaracións. Os investigados permaneceron pouco máis de media hora dentro do edificio xudicial, saíron tamén sen atender aos medios de comunicación e, no caso de Castaño, apartou iradamente os micrófonos que tentaban sacarlle unhas palabras.

Ao termo do acto xudicial, Evaristo Nogueira indicou que as defensas volveron a mostrar a súa oposición a esta imputación e reiterou que o procedemento “non ten percorrido”. En concreto, apuntou que o feito de que a Xunta non se persoase” como prexudicada por malversación de caudais públicos debería desembocar nun “sobresemento posterior”.

“Que non exercite a acusación quen teoricamente sería o prexudicado pola malversación avala a tese da defensa de que se pagou sempre co beneplácito e o visto e prace da Administración autonómica”, dixo Nogueira.

O letrado aclarou que aínda se pode pedir o sobresemento” da causa e confiou que finalmente non chegue a xuízo, á vez que rexeitou estimar cando podería producirse este.

A viúva de Camilo José Cela, Marina Castaño, e os outros tres investigados nunha causa aberta por supostas irregularidades enfróntanse a penas de entre tres e seis anos de cárcere por un suposto delito de malversación de fondos públicos na Fundación Camilo José Cela, o que os sentará no banco dos acusados, a falta de que se fixe data, nun xuízo con xurado popular.

O Código Penal establece unha penalidade (se resultan culpables) de entre tres e seis anos de prisión, ademais de entre seis e dez anos de inhabilitación.

AUTO PECHE INSTRUCIÓN

No auto de peche de instrución, a titular do Xulgado número 2 de Padrón, Paula Ventosa, explicou que, do estudo da documentación e da declaración dos investigados e testemuñas, “resultan indicios suficientes da participación dos investigados”: Marina Castaño, Tomás Cavanna (ex xerente da fundación), e Dositeo Rodríguez (exconselleiro, excandidato do PP á Alcaldía de Santiago e até hai pouco membro do Consello de Contas) e Covadonga Rodríguez (filla de Dositeo Rodríguez e subdirectora da fundación).

A xuíza investigou se houbo malversación” de fondos no despedimento de Tomás Cavanna, do que sospeitou que foi “simulado” e polo que cobrou unha indemnización de 150.000 euros cando “en realidade a fundación non quería prescindir dos servizos, senón que era este o que quería deixar de traballar”, como sostén por un intercambio de correos electrónicos que se empregaron como proba.

A instrutora lembrou que, segundo a documentación dispoñible, Tomás Cavanna “recoñece xa en vida de Camilo José Cela que quería abandonar a fundación, pero seguiu prestando os seus servizos por petición expresa” do Nobel. “Chama a atención que o señor Cavanna presente a súa dimisión na reunión do padroado da fundación celebrada o 30 de novembro de 2009, cando segundo a acta de devandita reunión infórmase ao señor Cavanna que a fundación se atopa en números vermellos desde o 22 de novembro”, apuntou nun auto anterior a xuíza, no que desestimou o sobresemento da causa ante un recurso presentado polos investigados.

Nel, tamén engadiu que non se entende o motivo polo que, se antes do falecemento de don Camilo José Cela (2002) tiña a intención de abandonar a fundación, o señor Cavanna esperou até 2009, momento no que a fundación atravesaba unha precaria situación económica para deixar de prestar os seus servizos”.

RESCATE DA FUNDACIÓN

A mediados de 2012, o fiscal de Santiago, Álvaro García Ortiz, denunciou a Castaño e ao ex xerente da Fundación Cela por un suposto delito de malversación de caudais públicos. A investigación iniciouse por mor da denuncia presentada por Lola Ramos, unha veciña de Iria Flavia, localidade na que está situada desde o ano 1991 a institución. Ramos achegara á Fiscalía de Galicia información relativa a supostos transvasamentos de diñeiro efectuados entre a fundación, sen ánimo de lucro, e sociedades propiedade de Cela e Castaño.

A difícil situación das contas da Fundación Cela levou á Xunta a rescatala, de forma que pasou a ter carácter público desde o mes de abril de 2012, coa finalidade de protexer un valioso patrimonio, configurado por manuscritos, epistolario do escritor e pinacoteca, entre os que se atopan lenzos de Picasso e Miró. Entón, a Consellería de Cultura pasou a ocupar a presidencia do padroado.

28 de xullo de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.