publicidade hoxe

Máis de 70 participantes na Estratexia de Inclusión Social realizan cursos de manipulación de alimentos en Noia, A Estrada e Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaNoiaPontevedra
A-
A+

Un total de 71 persoas, que participan a través dos equipos de inclusión de Noia, Marín e Lalín na Estratexia de Inclusión Social de Galicia 2014-2020 do Goberno galego -impulsada pola Consellería de Política Social e cofinanciada polo Fondo Social Europeo-, asistiron onte e hoxe a tres cursos para a obtención do carné de manipulación de alimentos.

O primeiro deles, ao que asistiron 23 persoas, foi impartido hoxe coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) no edificio administrativo de Noia no que opera o equipo de Inclusión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O segundo curso, tamén con 23 participantes e igualmente nesta xornada, tivo lugar nas instalacións de ALFER en Pontevedra. E o terceiro, onte, contou con 25 persoas e foi impartido no edificio do novo mercado de A Estrada.

O contido dos cursos xirou entorno a conceptos relacionados coa manipulación hixiénico-sanitaria de alimentos: intoxicacións alimentarias de orixe bacteriano, limpeza, desinfección, sistemas de autocontrol, tipos de alérxenos, etc.

Os coñecementos que adquiriron esas 71 persoas, non só facilitan a obtención do carné de manipulación de alimentos, senón que amplían as súas competencias laborais e posibilidades de acceso ao mercado laboral en distintos sectores como o da industria alimentaria, a atención a persoas ou a comercialización de produtos pero, nomeadamente, naqueles vinculados coa hostelería.

Os tres cursos forman parte do plan de actuacións, incluído nos itinerarios de inserción socio-laboral da administración autonómica, que os dispositivos técnicos comarcais do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deseñan para os participantes na Estratexia de Inclusión Social de Galicia.

O departamento de Inclusión do Consorcio -da Consellería de Política Social- conta na actualidade con 18 oficinas comarcais repartidas polo territorio da comunidade autónoma, máis un centro no módulo penitenciario de Teixeiro (A Coruña). No pasado ano 2015, as oficinas de Inclusión da Xunta de Galicia atenderon a 10.230 persoas.

14 de xullo de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.