publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Máis de 170 imaxes participaron no concurso de fotografía en instragram celebrado en Corazón da Artesanía de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destaca o éxito de participación acadado no primeiro concurso de fotografía en instagram celebrado con motivo de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, un evento que nesta quinta edición, celebrada en Agolada a semana pasada, entre os días 8 e 10 de xullo, se consolidou como un referente anual do sector artesán galego. En total, publicáronse durante os tres días que durou a feira máis de 170 imaxes.

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño ideou este concurso, dentro da mesma liña marcada no programa de Corazón da Artesanía, coa finalidade de divulgar os oficios tradicionais entre todas as idades e, ao mesmo tempo, facer ao público protagonista do encontro. Cunha imaxe na que aparece cos zocos enormes que se podían ver no posto de artesanía de Elena Ferro, a gañadora do certame foi Lucía Rodríguez, xa que foi a que recibiu máis likes ata as 23.59 horas do pasado domingo na conta de instagram de Artesanía de Galicia.

Para participar no concurso, as fotos, tomadas durante a celebración do encontro de artesanía, tiñan que amosar o ambiente do certame, o traballo dos artesáns ou das pezas expostas. Os participantes, que podían enviar todas as imaxes que quixeran, tiñan que seguir a conta oficial de Artesanía de Galicia (@rtesania_de_galicia) en instagram e publicar as fotos coa etiqueta #VCorazóndaArtesanía entre os días 8 e 10 de xullo. Nesta primeira edición, publicáronse máis de 170 imaxes correspondentes a 43 usuarios (39 mulleres e 4 homes). A gañadora levouse como premio un lote de produtos de Artesanía de Galicia.

O elevado número de visitantes que se achegaron nesta quinta edición de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia ata o conxunto histórico-artístico dos Pendellos, con máis de 8.000 persoas, demostra que este evento se consolida ano a ano cun programa que conxuga artesanía, obradoiros para todas as idades, gastronomía e música. O evento forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, que persegue conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

12 de xullo de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.