publicidade hoxe

Maceda será escenario do campionato de España de BTT

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMaceda
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

A Deputación de Ourense patrocina o Campionato de España de BTT que se celebrará os vindeiros días 15, 16 e 17 de xullo no municipio de Maceda, para promocionar ciclismo e termalismo. Este evento deportivo organizado polo Club Ciclista Maceda e a Federación Española de Ciclismo, foi presentado esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde do Concello de Maceda, Rubén Quintas; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete; o coordinador do Club Ciclista Maceda, Xulio Conde; e o ciclista, Pablo Rodríguez Guede.

Manuel Baltar explicou que se trata “dun campionato de ámbito nacional que ten como escenario a nosa provincia, concretamente Maceda, polo labor que durante todo este tempo desenvolveu o Club Ciclista Maceda non só con apostas, senón tamén con realidades firmes do panorama ciclista nacional, internacional e mundial, como representa o propio Pablo Rodríguez Guede”.

“Maceda totalmente implicada nun campionato de España con nivel mundial, resume perfectamente o acontecemento deportivo que estamos a presentar. Trátase dunha disciplina deportiva, unha das máis admiradas do panorama internacional, que conta cunha figura española e ourensá tan importante como Pablo Rodríguez Guede”, afirmou o presidente da Deputación de Ourense.

Baltar destacou que o municipio de Maceda “tamén terá protagonismo no mes de agosto, como saída dunha das etapas de “La Vuelta”. Este tipo de eventos significan “colocar a Ourense como o escenario perfecto para prácticas de campionatos de gran nivel, e o recoñecemento do traballo do Club Ciclista Maceda, que xunto co Concello, foron os que plantexaron que a Deputación de Ourense aprobase a axuda correspondente para celebrar esta competición de élite”, asegurou o presidente do goberno provincial.

José Ramón Lete lembrou que “no ano 1887 tivo lugar a primeira volta ciclista a Galicia, e desde entonces, o ciclismo chegou para quedarse”, e engadiu, “este campionato é unha competición a nivel mundial porque teremos aos tres mellores ciclistas españois de BTT do ámbito mundial como son David Valero, Carlos Coloma e Pablo Rodríguez e, ademais, teremos a outro olímpico, José Antonio Hermida e a Sergio Mantecón”.

O secretario xeral para o Deporte adiantou que nos vindeiros meses, “Maceda será sede dun centro especializado de BTT, a través dun convenio que estamos pendentes de asinar o concello e a Secretaría Xeral para o Deporte, imos facer unha pista de pump track, para facer desta vila a capital do ciclismo galego, cunha inversión de aproximadamente 60.000 euros, para ter a primeira pista de pump track en Galicia”.

Pola súa banda, o alcalde de Maceda agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para levar a cabo esta competición pola que tanto os participantes como os asistentes, “poderán coñecer as espectaculares paraxes polas que transcorre o circuíto que o Club Ciclista Maceda, preparou para a ocasión”.

Pablo Rodríguez asegurou que Maceda “será a capital, do día 15 ao 17 de xullo, do BTT Nacional, polo que toda España poderá coñecer o municipio, a través deste evento de nivel”, e engadiu, “os cinco corredores que estivemos pelexando ata fai 15 días no campionato do Mundo, na proba máis importante do ano, estaremos os cinco con ganas de gañar o campionato nacional”.

Xulio Conde, quen explicou os aspectos técnicos destes tres días de competición, dixo “estamos chegando aos 400 inscritos, co cal a resposta a nivel corredores está sendo importante. Trátase de participantes chegados de toda España cos seus equipos ou coas seleccións autonómicas”.

13 de xullo de 2016 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.