publicidade hoxe

Jorge Suárez descarta que repercuta no seu goberno se Podemos decide ir en solitario ás galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Europa Press

O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez, descartou que “repercuta a nivel local”, no goberno municipal (Ferrol en común goberna co apoio do PSOE e quedarían en minoría de ser así) se Podemos Galicia decide concorrer en solitario nas próximas eleccións autonómicas.

Así, quixo achegar tranquilidade en torno ao debate que os sectores máis críticos de Podemos -entre os que se atopan militantes da agrupación municipal de Ferrol- e que cuestionan a confluencia como se formulou por parte dos alcaldes.

Neste sentido, asegurou que unha posible candidatura en solitario non vai repercutir a nivel local” nin á estabilidade do grupo de Ferrol en común, no que hai un concelleiro inscrito en Podemos. Ferrol en Común goberna en coalición co PSOE no Concello de Ferrol.

Así as cousas, o rexedor defendeu que Ferrol en común “é un grupo cohesionado, con independencia do que suceda con Anova, Esquerda Unida ou Podemos Galicia”. “Somos unha formación que se desprende das partes para formar un todo e non vai repercutir a nivel local, estou convencido”, declarou.

Respecto ao sector crítico da formación morada que fixo lectura este mércores en Santiago dun manifesto en contra de acudir á asemblea do sábado promovida polos alcaldes e pedindo máis peso para Podemos nunha eventual confluencia ou concorrer en solitario, Jorge Suárez cre que “representan só unha parte de Podemos, pero -augurou- non é a posición que teñen como organización”.

“PODERÁN TOMAR ESA DECISIÓN”

Na súa opinión, limítase a “un conxunto de militantes que deciden facer esa lectura”, pero indicou que é a organización a que “debe posicionarse”, a través do que “opina o global da organización e non unha parte por separado” que, segundo declarou Suárez, o fan “tratando de mediatizar o que a propia organización decida”.

Preguntado en rolda de prensa en Santiago, o promotor o colectivo Xuntos Podemos, Carlos Armada, indicou que deber ser Carlos del Río, que foi compañeiro seu en Bases Podemos e que lidera un colectivo de inscritos en Ferrol, que se pronuncie sobre esta cuestión, pero manifestou que “eles poderán tomar esa decisión” de romper o goberno se a decisión de Podemos Galicia é a de concorrer en solitario. Pero, matizou, é “un tema do goberno de Ferrol en Común”.

27 de xullo de 2016 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.