Investigan ao xefe do GES de Muíños como presunto autor dun incendio en Lobios
A Garda Civil investiga o xefe do grupo de emerxencias supramunicipal (GES) de Muíños (Ourense) como presunto autor dun incendio forestal acontecido o pasado 18 de xullo en Lobios.
En concreto, a Garda Civil de Lobeira tomou declaración a J.R.R., de 28 anos, veciño de Quintela de Leirado, como investigado por un lume nos montes de Xendive, en Lobios.
O incendio forestal arrasou con 54 hectáreas arboladas e 13 hectáreas de monte baixo. O lume motivou a intervención de medios de extinción da Xunta.
Ao lugar acudiron membros do propio GES de Muíños, así como de Lobios, xunto a efectivos da Garda Civil e patrullas da Brilat de Pontevedra. O caso lévao o xulgado de instrución de Bande.