publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde destaca a aposta de Industrias Losal pola tradición e a innovación para seguir crecendo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións da empresa.

Francisco Conde na visita ás instalacións da empresa.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe a Industrias Losal como referente da empresa familiar galega que busca crecer nos mercados globais a través da tradición e da innovación e dun produto diferenciado e de calidade. Conde visitou, xunto ao xerente da compañía, Gonzalo López Otero, as instalacións da “decana do calzado en Galicia” , que desde 1899 en Monforte de Lemos produciu máis de 7.000 modelos de zapatos.

O conselleiro sinalou o potencial deste proxecto “de quinta xeración”, do que destacou que, “con calidade, personalización e intentando responder a unha demanda moi concreta”, foi capaz de incrementar a súa facturación e o emprego durante a etapa de crise económica.

“Industrias Losal está desenvolvendo un proxecto que conxuga tradición e innovación”, afirmou Conde, ao tempo que subliñou que é un exemplo a seguir para converter Monforte na “capital do zapato artesanal en Galicia e España”. Neste senso, sinalou que a empresa traballa a través da calidade do produto e investindo en innovación co obxectivo de aumentar a súa facturación nun 20%. “Non só é decana do calzado en Galicia, senón que é un punto de referencia por ese traballo diferenciado e un produto innovador que lle permite crecer ano tras ano en facturación e emprego”, engadiu.

Conde tamén puxo de relevo a participación de Industrias Losal no proxecto Protgal, do programa Innterconecta, para a prescrición, deseño e fabricación de calzado para pés con necesidades especiais. Tamén referiuse, neste senso, á iniciativa Handcrafted, que a compañía ten posto en marcha recentemente para facer zapatos artesanais a medida, apostando por ferramentas como un dixitalizador 3D que permita tomar medidas exactas de cada pé do cliente.

“A través dos procesos de dixitalización, está a facer un produto a medida e cunha calidade de zapato artesán que lle permite ter un produto con demanda no mercado e, a través desa diferenciación, pode seguir medrando no futuro”, engadiu o conselleiro. Con ese talento Losal produce anualmente entre 9.500 e 10.500 pares de calzado.

Losal, destacou o conselleiro, é parte dun sector cada vez máis importante para Galicia, que xa é terceira na produción de calzado a nivel nacional, só por detrás da Comunidade Valenciana e Cataluña, e que está a buscar unha constante expansión global. Conde resaltou que as exportacións do sector teñen medrado un 5% desde 2009.

11 de xullo de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.