publicidade hoxe

Francisco Conde apunta como un reto conxunto impulsar o talento e conseguir que as boas ideas se materialicen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou esta mañá na inauguración da convención de constitución da Red de Ciudades y Territorios Creativos de España que impulsar o talento e conseguir que as boas ideas se materialicen é un reto conxunto como sociedade, ao que contribuirá a nova entidade presentada en Monforte.

No encontro, que tamén servirá para abordar a universalidade e modernidade de Cervantes, no ano no que se conmemora o cuarto centenario da súa morte, Conde destacou que o proxecto nace para impulsar un modelo actual de innovación e creatividade en rede, baixo unha nova concepción de cidade e territorio creativo. Do mesmo xeito, destacou que a iniciativa non se restrinxe só ao ámbito cultural, senón que busca impulsar todos os sectores da economía a partir da transversalidade e o valor engadido da cultura e a conectividade da tecnoloxía.

Apuntou o conselleiro que este plantexamento vai na liña do traballo que está desenvolvendo a Xunta en relación coa cultura, o emprendemento e a innovación. Unha visión que, tal e como sinalou Conde, se reflicte na folla de ruta innovadora de Galicia, a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que ten como primeiro dos seus tres retos conseguir un novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación, e como obxectivo mobilizar en Galicia 1.600 millóns de euros en proxectos de innovación que sirvan de panca do crecemento económico ata 2020.

Así mesmo, Conde fixo fincapé en que desde o Goberno galego se está a potenciar un sector cultural innovador, de vangarda e de calidade, como ferramenta clave de vertebración económica e social, e sobre todo apostando por unha transformación do tecido produtivo baseado no coñecemento e a tecnoloxía como claves de futuro.

En calquera destas áreas, tal e como resaltou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, é que ningún proxecto ou boa idea quede sen levarse a cabo por falta de apoio, para o que subliñou que é necesario que tanto a Administración como o sector privado e os investidores particulares se involucren, non só achegando o necesario financiamento senón poñendo tamén a disposición do talento e a creatividade as ferramentas e o estímulo que para empezar a materializar as súas ideas.

Un esforzo que, tal e como apuntou, alzou a Galicia durante estes últimos anos a ocupar a sexta posición en número de pemes innovadoras. Neste eido, Conde fixo fincapé no apoio á creatividade científica, co obxectivo de poñer no mercado o coñecemento xerado polos investigadores galegos. Así, lembrou programas como o Oportunius, para atraer o mellor talento investigador a Galicia; o Principia, que impulsa a contratación de 300 mozos e mozas investigadores por parte de empresas e centros de coñecemento; ou o Ignicia, un fondo de proba de concepto.

Do mesmo xeito, apuntou ao emprendemento innovador como un dos piares sobre os que se asenta a recuperación económica e a xeración de postos de traballo estables e de calidade. Neste eido, sinalou que os emprendedores contan con diferentes instrumentos como a Rede de Aceleradoras postas en marcha en toda Galicia, unha delas en Monforte. A Consellería de Economía, Emprego e Industria achega tamén o respaldo da Unidade Galicia Emprende ou a plataforma Doing Business, creada para suprimir barreiras administrativa, ademais dos diferentes instrumentos financeiros do Igape e de Xesgalicia.

1 de xullo de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.