publicidade hoxe

Forcarei presenta á Xunta un proxecto para mellorar a ruta das pontes sofre o río Lérez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+
Cores Tourís na visita á área na que se pretenden executar melloras.

Cores Tourís na visita á área na que se pretenden executar melloras.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Forcarei para analizar coa alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, o novo proxecto que o concello pretende poñer en marcha, coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, de cara a mellorar a ruta das pontes sobre o río Lérez.

Durante o encontro, o delegado territorial estivo acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Alberto Fuentes.

Belén Cachafeiro explicou a Cores Tourís, que o municipio pretende actuar sobre un sendeiro natural paralelo ao río que se comunica mediante camiños auxiliares cos distintos núcleos de poboación. Ao longo deste percorrido existen pequenos regatos que verten as súas augas ao Lérez e que contan con pequenas pontes para cruzalos e que se atopan nun mal estado de conservación debido ao paso do tempo e as enchentes.

As actuacións proxectadas comezarían no punto quilométrico 6,9 de rematarían no 8,1, ao longo de un quilómetro, comprendendo tamén a construción dun paso peonil no punto quilométrico 12,9.

“Estamos a falar dunha ruta homologada de 14 quilómetros de lonxitude total, con moito atractivo, que se tarda en realizar unhas catro horas e media, e ao longo do cal podemos ver lugares cheos de historia, como o Mosteiro de Aciveiro, atravesar pontes e muíños e gozar das paraxes naturais que o Lérez vai esculpindo entre bosques centenarios”, engadiu Cachafeiro, quen trasladou ao delegado territorial o interese do seu concello pola valorización dos espazos naturais e a potenciación do turismo. Precisamente este sendeiro é un dos máis visitados da comarca xa que é un dos referentes da Asociación de Sendeirismo de Galicia.

A execución deste proxecto suporá un investimento de 36.000 euros, dos cales, a consellería aportaría 30.000 mentres o concello faríase cargo do 21% correspondente ao IVE da obra, é dicir, 6.000 euros. Estes cartos permitirían levar a cabo a roza manual selectiva da vexetación existente no trazado da ruta, a poda de especies forestais e vexetación de ribeira para favorecer o seu desenrolo equilibrado e a mellora do trazado do sendeiro coa construción dunha plataforma que permita que o ancho do camiño sexa duns 80 centímetros, dotando ao mesmo dun firme de xabre compactado.

A maiores, tamén se executará un paso peonil no punto quilométrico 12,9, sobre un regato. Será construído mediante perpiaños de pedra enterrados no leito de dito regato para que sexa así similar ao resto de pontes que existen no camiño.

O delegado territorial destacou que este proxecto encaixa perfectamente dentro das subvencións que a Consellería de Medio Rural fixo públicas para a mellora dos espazos de Rede Natura, unhas axudas que seguen a ratificar “o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra”.
Segundo explicou, estas subvencións destínanse a tarefas de mellora da paisaxe, como a limpeza, restauración e sinalización de camiños e espazos recreativos; a manter as condicións ambientais e favorecer a recuperación de especies en zonas de Rede Natura 2000; e a recuperar ou restaurar elementos históricos patrimoniais, como hórreos, milladoiros, fontes cabanas ou valos.
“O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente é dar resposta a estes obxectivos fomentando e aumentando o papel dos concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de entidades xestoras de terras”, engadiu Cores Tourís, quen matizou que “estas actuacións están dirixidas”, asegurou Cores Tourís, “a contribuír a biodiversidade e á preservación dos ecosistemas de alto valor natural garantindo a compatibilidade cos valores naturais que compre protexer en cada zona e o mantemento dun estado de conservación favorable para os hábitats e as especies de interese de cada espazo dentro da Rede Natura 2000 de Galicia”.
Cores Tourís destacou que dende a administración autonómica continuarase a perseverar no coidado da natureza. “Queremos aproveitar o atractivo económico e turístico que hai detrás da conservación da natureza. Esta é a nosa meta, ordenar e mellorar o noso entorno”.

21 de xullo de 2016 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.