publicidade hoxe

Finalizan as actuacións de mellora de tres estradas autonómicas na provincia de Lugo mediante o investimento de 660.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriolLugoPortomarín
A-
A+

A Xunta vén de rematar as actuacións de mellora en tres estradas autonómicas na provincia de Lugo mediante o investimento de máis de 660.000 euros. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe dous destes proxectos xa finalizados nos Concellos de Friol e Portomarín.

No Concello de Friol, a conselleira, acompañada polo alcalde, José Ángel Santos, supervisou o remate das obras de reforzo localizado de firme que se levou a cabo na estrada que vai desde esta localidade ata Lugo, a LU-232, ao longo de case 18 km.

Este proxecto, cuxo obxectivo é incrementar a seguridade viaria, contou cunha achega económica de case 430.000 euros por parte do Executivo autonómico.

Vázquez Mourelle explicou que se trata dunha actuación permitirá que os veciños e os usuarios poidan realizar os seus desprazamentos con maior comodidade e incidirá na conservación dunha vía de comunicación prioritaria para este concello.

Esta actuación está case acabada, só resta ultimar pequenos detalles como o pintado e sinalización, traballos que quedarán finalizados no día de hoxe.

A titular de Infraestruturas salientou que o seu departamento tamén efectuou melloras en varias rúas deste municipio, para o que foi necesaria unha achega da Xunta de preto de 53.000 euros.

Portomarín

Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, tamén visitou hoxe outra actuación finalizada a pasada semana, na estrada que vai ata Cendoi, na LU-613. Os traballos, nos que se investiron máis de 80.000 euros consistiron no ensanche da plataforma, na reposición do firme e na construción dunha pequena senda diferenciada para peóns.

Para levar a cabo este proxecto, nos primeiros 340 metros, pola marxe dereita, ata o cruce co Camiño de Santiago, ensanchouse a estrada ata acadar os 7 metros; estendeuse unha nova capa de rodadura en todo o treito; e habilitouse unha senda, estendendo unha capa de solo-cemento sobre o Camiño de Santiago, que discorre en paralelo á estrada, pola marxe esquerda.

A estas obras nos Concellos de Friol e Portomarín cómpre engadir outra actuación, tamén rematada, da mellora da estrada que une Taboada e Monterroso, que estaba incluída no mesmo contrato.

Plan de Reforzos de Firme

Estas actuacións enmárcanse no Plan de Reforzos de Firme que a Xunta está a desenvolver para priorizar a conservación das estradas ao investir na súa mellora, o que supón velar pola seguridade dos cidadáns e mellorar a súa calidade de vida.

Este Plan de Reforzos de Firme da Xunta proxéctase para a mellora de case 600 km de firme, dos que xa se levan licitado máis do 90 % das obras.

A conselleira adiantou que nas vindeiras datas continuarase con máis licitacións, por exemplo, nesta provincia de Lugo, coa relativa á mellora da estrada entre Lindín e Cruz da Cancela, en Mondoñedo.

4 de xullo de 2016 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.