Falece un home de 38 anos nun accidente de tráfico en Padrón
Un home de 38 anos faleceu este mércores nun accidente de tráfico rexistrado na zona da Escravitude, no concello coruñés de Padrón, un suceso que provocou feridas a tres persoas e que causou importantes retencións de circulación.
Segundo informaron desde o CAE-112 Galicia, o accidente, unha colisión frontal, tivo lugar pouco despois das 8,00 horas nunha recta da estrada N-550 ao seu paso pola Escravitude, en O Loureiro.
Até o lugar do suceso desprazáronse efectivos da Garda Civil e de Bombeiros de Boiro, así como do GES de Padrón, varias ambulancias e o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago.
Os Bombeiros tiveron que intervir para excarcerar a tres persoas, que quedaran atrapadas no interior dos vehículos. Unha delas, un home de 38 anos e de iniciais J.F.T., resultou falecida na colisión.
Así mesmo, tres persoas resultaron feridas como consecuencia do accidente e foron trasladadas -dúas en ambulancia e unha no helicóptero- até o Hospital Clínico de Santiago.
As forzas de seguridade despregaron así mesmo un operativo para limpar a vía e regular o tráfico, dado que o accidente xerou importantes retencións en ambos os sentidos.