publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Falece o escritor Agustín Fernández Paz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada esquerdaVigoVilalba
A-
A+
Europa Press

O escritor lucense Agustín Fernández Paz, un dos máis recoñecidos da literatura galega contemporánea, faleceu este martes no seu domicilio de Vigo aos 69 anos, segundo confirmaron dende a editorial Xerais.

Nacido na localidade lucense de Vilalba en 1947, Fernández Paz era licenciado en Ciencias da Educación e dedicou boa parte da súa vida ao labor docente, tanto en ensino primario coma en secundaria, un traballo que concluíu no IES Os Rosais 2 de Vigo coa súa xubilación.

O ámbito da educación estivo moi presente tamén na súa faceta de escritor, onde gozou dun grande recoñecemento na dignificación e posta en valor da literatura infantil e xuvenil en galego, que culminou coa recepción do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por ‘O único que queda é o amor’ (2007), unha obra que se fixo tamén co Premio Neira Vilas da Asociación Galega de Editores, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e co Premio Frei Martín Sarmiento.

Autor de máis dunha trintena de obras, Agustín Fernández Paz publicou, entre outros textos, ‘Contos por palabras’, Premio Lazarillo; ‘Trece anos de Branca’, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; ‘Cartas de inverno’, Premio Rañolas; ‘Aire negro’, Premio Protagonista Jove 2001; ‘Corredores de sombra’, Premio Frei Martín Sarmiento; ‘Fantasmas de luz’ o ‘A viaxe de Gagarin’. Su último libro, en 2015, fue ‘A neve interminable’.

A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas da Península Ibérica, así como ao coreano, ao árabe, ao francés, ao chinés, ao búlgaro, ao bretón, ao italiano e ao inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E (2009) da AELG; e o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil en 2011.

Ademais, foi o candidato da Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI) para o Astrid Lindgren Memorial Award de 2011 e para o Premio Andersen 2012, mentres que a AELG o propuxo en 2015 como candidato ao Premio Nóbel de Literatura.

CONDOLENCIAS

O persoal da editorial Xerais mostrou a través dun comunicado a súa tristura polo falecemento do escritor e trasladou as súas condolencias pola “desaparición dunha das figuras máis destacadas da cultura galega” actual.

“Con Agustín Fernández Paz, Galicia perde non só un escritor excepcional, senón un referente ético de primeira magnitude”, indica a editorial, para quen o “prestixio dos seus libros” deu a coñecer “en diversos países do mundo o valor da literatura infantil e xuvenil galega”.

12 de xullo de 2016 | 12:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.