publicidade hoxe

Extinguidos os tres incendios que permanecían activos

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9:30 horas de hoxe. Extinguido onte ás 20:00 horas o lume rexistrado o pasado venres ás 17:30 horas da tarde no concello ourensán de Monterrei, parroquia de Vilaza. Segundo as últimas estimacións, afectou unha superficie de 170,32 hectáreas, das cales 12 son de arborado e o resto de monte raso. Na súa extinción participaron 1 técnico, 34 axentes, 49 brigadas, 27 motobombas, 7 pas, 8 helicópteros e 6 avións.

Tamén quedou extinguido onte ás 22:25 horas o incendio localizado no concello ourensán de Entrimo, parroquia de A Illa, tras comezar o pasado martes ás 22:15 horas da noite. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 23 hectáreas, das cales 9 son arboradas e o resto monte raso. Na zona traballaron 4 axentes, 9 brigadas, 6 motobombas e 1 helicóptero.

No concello coruñés de Santiago, parroquia de Santa Cristina de Fecha, quedaba extinguido ás 00:40 horas de hoxe o lume rexistrado na madrugada do mércores ás 1:30 horas. As últimas estimacións indican que afectou unha superficie de 47,19 hectáreas, das cales 40 son de arborado e as 7,19 restantes de raso. Na súa extinción actuaron 16 axentes, 31 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 6 helicópteros e 2 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

28 de xullo de 2016 | 11:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.