publicidade hoxe

Deputación e Concello de Baiona asinan o convenio para poñer en valor o sendeiro azul litoral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaPontevedra
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuíña, asinaron esta mañá no Concello o convenio de colaboración para impulsar o Sendeiro Litoral de Baiona, un dos once sendeiros azuis recoñecidos este ano na provincia de Pontevedra. Ambos mandatarios resaltaron a cordialidade e bo facer entre as dúas administracións para traballar conxuntamente no impulso e na mellora do patrimonio natural, cultural, paisaxístico e etnográfico da provincia.

“Todo o que ten que ver co turismo ligado á etnografía, á cultura e aos valores paisaxísticos ten cada vez máis demanda por parte dos visitantes, así que é unha obriga das administracións apostar por esta riqueza que temos na provincia”, asegurou a Presidenta. Silva salientou ademais que os once sendeiros azuis recoñecidos na provincia dan conta da excelencia de recursos turísticos que presenta Pontevedra, xa que se trata da provincia española con máis distintivos deste tipo.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, destacou tamén a importancia da colaboración entre administracións para mellorar o patrimonio natural, cultural e paisaxístico da provincia. Salientou que o Sendeiro Litoral de Baiona ten un gran valor, xa que foi o primeiro recoñecido en Galicia en 2011 e que é fundamental polo en valor para que “toda a xente poida gozar e coñecer esta ruta, que ten unha paisaxística e un patrimonio cultural e etnográfico tremendo”.

Segundo o acordo asinado, Deputación e Concello colaborarán na instalación de mobiliario no Sendeiro Litoral de Baiona, adecuado aos seus espazos, particularidades e percorridos, cun orzamento global de 16.659,67 €. A Deputación aporta o 80%, en concreto 13.327,74 €, mentres que o municipio achega o 20% restante, 3.331,93 €.

Este convenio enmárcase nun plan conxunto que ten a Deputación, en colaboración cos concellos, para a posta en valor dos sendeiros azuis da provincia, cun investimento global de 183.333,26 €, dos que a Deputación aporta o 80% e os municipios o 20%. O de hoxe en Baiona é o terceiro convenio deste tipo asinado. En xuño fíxose con Ponte Caldelas para a revalorización do Sendeiro da Calzada, que é o primeiro sendeiro azul de interior de España. A principios deste mes de xullo tamén se asinou con Nigrán para a posta en valor do Sendeiro Azul Ecosistema Dunar Praia América-Panxón.

Nestes meses, dende a Deputación continuaranse asinando os outros convenios para mellora dos restantes sendeiros azuis da provincia: o Roteiro de Donón (en Cangas), Cabo Udra (en Bueu), Senda Bao-Xestelas (na Illa), Senda Litoral da Guarda, Sendeiro Azul Ruta das Praias (en Marín) e os tres que existen en Vigo (Camiño a Beiramar, Senda entre Faros, Senda Litoral e do Monte da Guía). Os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais do seu contorno, contribuíndo así ao uso sostible do litoral.

28 de xullo de 2016 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.