publicidade hoxe

Cores Tourís visitou a comunidade de montes de Curro para comprobar as tarefas preventivas de loita contra o lume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarro
A-
A+
Cores Tourís na visita á comunidade de montes de Curro

Cores Tourís na visita á comunidade de montes de Curro

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá a comunidade de montes de Curro, co obxectivo de analizar as tarefas preventivas realizadas nesta área para evitar os lumes forestais.

Estivo acompañado do acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, e do xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

Durante a visita, o presidente da comunidade de montes, Miguel Ángel Maquieira, asegurou que é importante seguir a traballar na limpeza dos montes, para recuperar esta área que resultou moi danada durante os incendios de 2006. “É deste xeito, ter o monte preparado para esta etapa estival, intentando así minimizar os posibles lumes que se puideran xerar”, engadiu.

Con este fin, a Xunta de Galicia aportou este ano a esta comunidade de montes 11.940,74 euros de subvención para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e Sofor, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. En total, as comunidades de montes de Barro recibiron 30.849, 86 euros, mentres o Distrito Forestal XIX ao que pertence este concello obtivo 632.079,73 euros, con 68 expedientes aprobados. “Na provincia de Pontevedra as axudas foron superiores o 1,5 millón de euros, triplicándose as axudas para limpeza, rozas e instalación de puntos de luz”.

A parroquia de Curro conta, na actualidade, cuns 800 veciños mentres a comunidade de montes de Curro xestiona 344 hectáreas incluídas dentro do Plan de Ordenación realizado pola Xunta. Destas 344, 192 hectáreas atópanse conveniadas coa administración autonómica.

O delegado territorial comprobou as labores de prevención realizados nesta comunidade de montes e que se completarán cos traballos das brigadas de loita contra o lume e que inclúen rozas, recollida e eliminación de restos así como podas e clareos. Agárdase que este ano as labores sexan similares as realizadas durante o pasado 2015, con 256,56 hectáreas traballadas, das cales 60 corresponden ao distrito XIX Caldas-Salnés.

Neste distrito, onde se atopa o concello de Barro, despregáronse este verán 31 brigadas de prevención e extinción entre as da Xunta, as de Seaga, Tragsa e o propio concello. “Como novidade, os convenios cos concellos son, a partir deste ano, trianuais ata 2018 para facilitar a xestión das brigadas”, explicou Cores Tourís.

Na provincia, o total de brigadas é de 97. Cóntase cun total de 40 camións para a loita contra o lume, 14 deles deste distrito. Ademais, tamén cóntase cunha cisterna cedida pola Axega con 30.000 litros e situada no Parque de Maquinaria de A Xunqueira.

En canto ao apoio aéreo, xa se atopan operativas a base helitransportada do Campiño en Pontevedra e a de Silleda, cun helicóptero de coordinación e vixiancia, así como a de Queimadelos en Mondariz, que comezará a funcionar a partir do 15 deste mes.

O delegado territorial da Xunta tamén destacou que nesta provincia, a Consellería de Medio Rural, destinou en 2016 case 2,5 millóns de euros a labores de silvicultura, forestación e execución de traballos en montes conveniados, de cara a manter o monte limpo e recuperar as zonas máis castigadas polos incendios, así como á colaboración cos concellos. Deste xeito, en 2015 actuouse así sobre 3.300 hectáreas en montes veciñais en mancomún e 1.200 quilómetros de limpeza de camiños municipais.

José Manuel Cores Tourís incidiu na labor que están a desenvolver as forzas e corpos de Seguridade do Estado que vixiarán os montes durante esta campaña de verán, así como o Exército. Tamén apelou a labor cidadá solicitando a colaboración na detección precoz dos lumes e o aviso ás autoridades a través do 085. “Entre todos podemos conseguir que este sexa un bo verano para os nosos montes”, rematou.

5 de xullo de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.