publicidade hoxe

‘Corazón da Artesanía’ pecha a súa quinta edición con máis de 8.000 visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

A quinta edición de Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia consolidou esta feira de Agolada como referente anual do sector artesán na comunidade. Así, máis de 8.000 persoas visitaron desde o pasado venres e ata onte domingo o conxunto histórico-artístico dos Pendellos.

Cun programa no que artesanía, obradoiros, gastronomía e música foron da man, entre as actividades que espertaron un maior interese dos visitantes estiveron, ademais das diferentes actuacións musicais, con especial atención á de Susana Seivane do pasado sábado, as diferentes demostracións en vivo de oficios e os cursos gratuítos para iniciarse na artesanía tanto para adultos como para nenos e nenas. En concreto, máis de 800 persoas participaron nos obradoiros, nos que tiveron a posibilidade de iniciarse na talla en pedra ou torno cerámico, ademais de talleres dirixidos especialmente aos máis pequenos, como elaboración e decoración de barquiñas de cartón, encardenación en papel e cociña xaponesa.

No encontro de Agolada, pensado tanto para o público xeral como para os profesionais e especialistas, reuniu tamén a medio centenar de persoas que participaron nos workshops sobre cestería, restauración e decoración de cadeiras, xoiaría, percusión tradicional ou afinación de gaita.

Corazón da Artesanía permitiu tamén abrir novas vías de colaboración e oportunidades de negocio para os artesáns e emprendedores participantes. Ademais, mantívose o volume de vendas tanto nos 44 postos de artesanía e de demostración en vivo de oficios como nos 49 dedicados aos produtos agroalimentarios de calidade.

Por outra banda, a iniciativa Artesanía no Prato, que cubriu unha vez máis todas as prazas dispoñibles, ao redor de 150, achegou a artesanía ás propostas da nova cociña galega, con showcookings a cargo dos cociñeiros Javier Rodríguez Ponte Taky, Héctor López, Xoán Crujeiras, e Antonio Lorenzo, acompañado do sumiller Bruno Lovelle, que presentaron os seus menús degustación en pezas de Artesanía de Galicia.

Tamén tiveron unha boa acollida as exposicións Auga e Artesanía de Galicia para vivir o século XXI, nas que se conxugaron a tradición dos oficios artesáns coas novas tendencias e o deseño; así como o programa A longa sombra dalgunha cousas, que incluíu a exposición Blind Wall, de Irene Grau, e conferencias impartidas por arquitectos e artistas

A quinta edición de Corazón da Artesanía forma parte do Plan de Artesanía de Galicia, que persegue conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

11 de xullo de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.