publicidade hoxe

Cecilia Vázquez visita aos participantes no campo de traballo de Folgoso do Courel

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFolgoso do Courel
A-
A+

A localidade de Folgoso do Courel acolle do 14 ao 25 de xullo un Campo de traballo que colaborará na conservación e mellora do Castro da Torre de Sobredo. Os voluntarios e voluntarias, que proceden de Galicia, do resto de España e de países de todo o mundo, realizarán labores de limpeza e acondicionamento da zona do Castro da Torre, así como unha pequena intervención arqueolóxica.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos participantes, mozos e mozas de entre 18 e 30 anos de idade, que ademais do traballo voluntario tamén poden participar en actividades como obradoiros de manualidades, rutas de sendeirismo, visitas a lugares de interese da zona e deportes como barranquismo, espeleoloxía ou canoa.

Esta iniciativa forma parte da Campaña de Verán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que oferta na provincia de Lugo un total de 1.960 prazas. Ademais de en Folgoso, tamén hai campos de traballo en Xermade, Quiroga, Pantón, Becerreá e Pontomarín. Os campamentos para mozos e mozas de entre 9 e 17 anos son en Os Peares de Carballedo, Os Chacotes de Palas de Rei e A Devesa de Ribadeo, o complexo xuvenil LUG II da capital e os albergues Area de Viveiro, Benigno Quiroga de Portomarín e o municipal de Quiroga.

No total galego, na Campaña de Verán toman parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.

O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

15 de xullo de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.