publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de reforzo da seguridade e reforma do carril bici da estrada Vigo-Baiona-A Guarda comezarán a finais de verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaBaionaOiaPontevedraVigo
A-
A+
Ethel Vázquez no anuncio das obras na súa visita a Oia

Ethel Vázquez no anuncio das obras na súa visita a Oia

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, avanzou hoxe que a Xunta iniciará a finais de verán as obras de reforzo da seguridade viaria e de reforma do carril bici da estrada entre Vigo, Baiona e A Guarda (PO-552), ás que destinará 800.000 euros. A conselleira, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou hoxe o proxecto para actuar nesta estrada como unha actuación “de consenso” que pretende compatibilizar as necesidades dos peóns, dos ciclistas e dos condutores.

A conselleira salientou que este proxecto foi redactado polos especialistas da Axencia Galega de Infraestruturas e na súa elaboración se recolleron as demandas dos alcaldes, da Federación Galega de Ciclismo e de diversos expertos en seguridade viaria.

Así mesmo, destacou que a solución técnica conta coa conformidade da Dirección Xeral de Tráfico, coa que a Xunta traballa coordinadamente tanto neste proxecto como no impulso de campañas específicas de seguridade viaria.

Ademais, Vázquez Mourelle indicou que a actuación prevista é coherente co Plan Galego de Seguridade Viaria 2015-2020 posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de ofrecer unha maior protección os usuarios mais desprotexidos das estradas.

Na súa intervención, a conselleira resaltou que o proxecto prevé substituír os actuais separadores de formigón presentes nesta vía por outros de goma rebasables, que amplían o espazo ao que pode recorrer o ciclista deportivo en caso de necesidade.

Ademais, dotarase esta estrada de beiravías máis anchas, nas que será posible a práctica do ciclismo deportivo mentres que o carril bici se estreitará e quedará convertido nunha senda mixta de utilidade tanto para peóns como para ciclistas turísticos.

Por último, intensificaranse a sinalización nas rúas e beiravías para concienciar e sensibilizar a todos os usuarios sobre a importancia de respectar a tódolos usuarios das estradas.

Con esta medida, a Consellería de Infraestruturas busca respectar todos os tipos de usuarios desta vía mediante a realización de varias actuacións para compatibilizar as necesidades de peóns, ciclistas e condutores e incrementar a seguridade dos usuarios vulnerables.

Ethel Vázquez explicou que, en total, actuarase ao longo dos 51 km de lonxitude do carril que une Vigo con Baiona e A Guarda. O inicio das actuacións está previsto para finais do verán unha vez se reduza a conxestión de tráfico da zona por causa do turismo e contarán cun orzamento de 800.000 euros por parte do Goberno Galego. De esta forma, poderase finalizar por completo a senda o inicio do próximo ano.

A Consellería de Infraestruturas está a iniciar os trámites para contratar as obras, que se prevé que comecen a finais de verán e rematen entre finais deste ano.

12 de xullo de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.