publicidade hoxe

As bandas de Solfa, Rubiós e Caldas de Reis protagonizan o ciclo de concertos ‘Música no Camiño’

A Banda de Música de Solfa (Santiago de Compostela), Rubiós (As Neves) e Caldas de Reis serán as protagonistas deste venres, sábado e domingo, respectivamente, no ciclo de concertos “Musica no Camiño”, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares.

No marco desta iniciativa, ofreceranse un total de 24 actuacións durante as fins de semana e festivos dos meses de xuño, xullo e agosto. De feito, en xullo xa se celebraron 9 concertos que tiveron grande éxito e nos cales participaron as bandas de Candeán, Ribadulla, Vertula, Teo, Arzúa, Vincios, Campo Lameiro, Brión, Ribadeo. En xullo tiveron lugar outros catro concertos, cos músicos de Valladares, Vilalba, Salcedo e Xinzo. Isto fai un total de 13 actuacións xa celebradas no marco da iniciativa “Música no Camiño” de este verán.

O lugar de celebración é na Praza de Praterías de Santiago de Compostela, a partir das 20:30 horas, unha vez rematada a Misa do Peregrino. Os días que o tempo impida o seu desenvolvemento ao aire libre, a actividade terá lugar na Hospedaxe de San Martiño Pinario.

Os concertos terán unha duración aproximada de sesenta minutos e na súa maior parte interpretarán obras de autoría ou temática galega para contribuír a difundir a cultura galega e a promover as bandas de música populares de Galicia entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño.

Deste xeito, os camiñantes tamén poden deleitarse con estes concertos sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custo. Trátase así dun xesto para gratificar o esforzo e o sacrificio realizado durante a Ruta Xacobea.

Bandas que actúan esta fin de semana

A Banda de Música de Solfa nace en Santiago de Compostela no ano 1997 e está composta por preto de 40 instrumentistas baixo a dirección de Adrián Pais Abuín, que cursou estudos no Conservatorio Superior das Illes Balears e tamén no Conservatorio Rexional de Burdeos, en Francia. O seu director acumula numerosos recoñecementos nacionais e internacionais polo seu talento e é membro de Art Sound Quartet, que realiza concertos a nivel mundial e publicou en 2012 o traballo discográfico Capriccio.

A Banda de Música Popular de Rubiós nace nas Neves en 1982 como un pequeno coro impulsado polo párroco. A guerra civil disolveu a formación, volvendo a recuperarse a partir de 1985 a instancia do pleno municipal. O seu director, dende o ano 2015, é Adrián Viñas Alonso, licenciado en trompeta polo CMUS Superior de Vigo e que realizou numerosos cursos de perfeccionamento musical da man de prestixiosos mestres. Actualmente estuda dirección de banda e realiza actividades de docencia.

A Banda de Música Municipal de Caldas de Reis nace no ano 2005 e está composta por 70 músicos cunha idade entre os 10 e os 20 anos. Actualmente está xestionada pola Asociación Cultural Mariñoleira e sacou o seu primeiro traballo discográfico no ano 2015, X Aniversario, 2005-2015. O seu director dende febreiro de 2016 é Diego Fortes Conde, que se iniciou na música aos 6 anos, ingresando aos 9 no Conservatorio de Música de Ourense. Tamén estudou en Madrid e no Conservatorio Superior de Salamanca e xa ten experiencia na dirección doutras bandas.

15 de xullo de 2016 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.