publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángeles Vázquez destaca a importancia da transformación dos produtos agroalimentarios para impulsar as explotacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á queixería Queizuar de Touro

Ángeles Vázquez na visita á queixería Queizuar de Touro

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá a importancia de apostar pola transformación dos produtos agroalimentarios para favorecer a viabilidade das explotacións ao aportar valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados. “A través destas industrias foméntase a creación e mantemento de postos de traballo, beneficiando ao tecido económico das zonas rurais”, declarou Vázquez, polo que son un “elemento clave para o desenvolvemento das zonas rurais”.

A titular de Medio Rural fixo estas declaracións no marco dunha visita á queixería Queizuar de Touro, que recibiu ao longo dos últimos anos este tipo de axudas. En concreto, obtivo subvencións por valor de 419.886,46 euros, para un investimento total superior ao millón de euros co fin de modernizar e mellorar as súas instalacións.

Neste senso, este ano a Xunta achega 25 millóns de euros para as industrias agroalimentarias no marco do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Estas axudas se traducirán nun investimento de preto de 68 millóns de euros para Galicia. En total, 59 proxectos empresarias se beneficiarán este ano destas achegas e entre eles destacan os relacionados co sector lácteo, xa que representan preto do 58% do orzamento total ao recibir 14,5 millóns de euros de cara a un investimento total subvencionable de 38,3 millóns de euros.

Exemplo de modernización

Durante a súa visita, na que estivo acompañada polo alcalde do municipio, Ignacio Codesido Barreiro, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo; a conselleira do Medio Rural sinalou a esta queixería situada en Touro como un exemplo de modernización do rural. Esta empresa, que conta cunha das marcas referencia de calidade dos queixos galegos, Bama, ten levado a cabo nos últimos anos proxectos de aforro enerxético e melloras nas liñas de etiquetado, así como investimentos en depuración e outras melloras tecnolóxicas.

A compañía elabora queixo Denominación de Orixe Protexida (DOP) Arzúa-Ulloa, queixo Tetilla DOP e queixo fresco. En concreto, produce preto de 900 toneladas de queixo ao ano e pasou dunha cifra de negocio de 4,3 millóns de euros no 2014 a 5 millóns o pasado ano.

22 de xullo de 2016 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.