publicidade hoxe

A Xunta investiu 45.000 euros no acondicionamento da residencia da terceira idade de Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou esta mañá as instalacións da Residencia da Terceira Idade de Monforte, onde supervisou as obras de mellora e equipamento que financiou a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social.

No centro, realizáronse diversas actuacións, como a reforma e adaptación dos baños, para mellorar a accesibilidade; o pintado das diferentes habitacións, a substitución de pulsadores ou a mellora do equipamento. A Xunta destinou para estes traballos 44.618 euros.

Ademais desta obra que vén de rematar, foron varias as actuacións que a Administración autonómica levou a cabo no último ano e medio nesta Residencia da Terceira Idade. Deste xeito, xa se substituíron as caldeiras de gasoil polas de biomasa, coas que se gañou en eficiencia enerxética; e reparouse o tellado de lousas, entre outras intervencións, que supuxeron un investimento de máis de 92.000 euros.
Así, nos últimos dous anos a xunta destinou ao acondicionamento desta residencia máis de 137.000 euros.

Arias, que percorreu as instalacións acompañada polo director do centro, José Luis Picouto, quixo coñecer de primeira man as impresións e demandas das 39 persoas non dependentes, que están internas no centro, que, a día de hoxe, conta con tres prazas vacantes e un cadro de persoal de 25 profesionais.

Na súa visita, Arias puxo en valor a importancia destas obras de acondicionamento que segundo sinalou “teñen un único obxectivo, contribuír a mellorar o benestar dos usuarios, para que se poidan sentir a gusto nunhas instalacións melloradas e adaptadas ás súas necesidades”.

Ademais desta, a Xunta está a executar obras de mellora noutras catro residencias da provincia, dependentes da Consellería de Política Social; en Burela, nas Gándaras, na Residencia Milagrosa, e no CAPD Sarria; ás que destinou, en total, máis de 520.000 euros.

Neste senso, a delegada quixo destacar “o firme compromiso da Xunta de Galicia por seguir a traballar na mellora do confort dos nosos maiores e tamén, dos profesionais que os coidan, para que podan desenvolver o seu labor nun espazo axeitado e acondicionado”

22 de xullo de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.