publicidade hoxe

A Xunta impulsa o uso da biomasa na industria conserveira para mellorar a eficiencia enerxética nas empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria e do Mar, Francisco Conde e Rosa Quintana, respectivamente, participaron esta mañá na mesa de traballo organizada polo Inega no municipio de Ribeira para analizar as vantaxes da biomasa con fins térmicos no sector conserveiro e as súas potencialidades á hora de aforrar custos a través da redución do consumo de combustibles fósiles e da mellora da eficiencia enerxética.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinalou que a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa da Xunta naceu co obxectivo fundamental de favorecer o emprego desta fonte de enerxía que, ao ser autóctona, limpa e rentable, está a beneficiar cada vez a máis empresas e fogares galegos, xerando ademais emprego de calidade, sobre todo no rural e en sectores como o da alimentación. Por este motivo, animou as empresas da industria conserveira a apostar pola utilización desta enerxía renovable.

Conde destacou que a biomasa, que conta con 8 fábricas en Galicia, ocupa actualmente o primeiro lugar en produción entre as fontes enerxéticas de orixe autóctona, por diante doutros recursos naturais como a auga e o vento. Así, a previsión recollida na Estratexia para 2020 é acadar aforros anuais de 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles; evitar emisións á atmosfera de 246.000 toneladas cada ano de CO2; mobilizar unha inversión próxima de 500 millóns; crear 1.000 novos postos de traballo no sector; e multiplicar por tres o consumo actual da biomasa, situado en 233.000 m3 ao ano.

Ademais, para favorecer o uso da biomasa como fonte de enerxía, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu desde 2014 axudas por valor de 30 millóns de euros, cun investimento asociado de 38 millóns, para a instalación de 3.000 caldeiras en empresas e fogares, sendo a provincia da Coruña a que máis se beneficiou deste programa, con 1.150 novos equipos.

Conde resaltou a importancia de desenvolver políticas como a da promoción e emprego da biomasa porque favorece a innovación e a competitividade das empresas galegas e mellora a calidade de vida das familias. Neste senso, indicou que o impulso no incremento da demanda ten que ir unido á excelencia dos produtos galegos e, por este motivo, impulsouse que o selo Galicia Calidade certifique a orixe e a calidade dos pellets e estelas producidos a partir da biomasa forestal galega.

A industria conserveira

Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou o traballo coordinado da Xunta no apoio á modernización e internacionalización da industria conserveira e transformadora dos produtos do mar. Neste sentido, lembrou que a Consellería do Mar puxo a disposición do sector 260 millóns de euros desde o ano 2009 para a modernización da industria transformadora e comercializadora.

A isto engadiu o apoio ás empresas para acudir ás principais feiras mundiais de produtos da pesca baixo o paraugas da Xunta, o que supuxo un investimento de 8,3 millóns de euros desde 2010. Ademais valorou o apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria á exportación, que contribuíu de forma decisiva á internacionalización.

Durante a súa intervención Rosa Quintana tamén deu conta da expansión do sector conserveiro español, no que Galicia representa o 85%. Sinalou que no 2015 Galicia produciu preto de 300.000 toneladas de conservas e semiconservas de peixes e mariscos que acadaron un valor económico de máis de 1.200 millóns de euros. No comercio exterior estes rexistros tamén medran, de feito, subliñou Rosa Quintana, en Galicia as exportacións do sector industrial e transformador de conservas subiron un 9% en relación ao 2014, ata acadar as 130.000 toneladas. Esta cantidade representa preto do 80% do total das exportacións do Estado.

Para manter a hexemonía do sector en Europa e tratar de situarnos no primeiro posto a nivel mundial, a conselleira do Mar apelou a redobrar esforzos, tanto no mercado exterior como na mellora dos procesos de produción para dar unha resposta satisfactoria ás novas esixencias dos consumidores. Para iso, sinalou, é preciso mellorar a competitividade a través da investigación, a innovación e dotar de valor engadido os nosos produtos.

6 de xullo de 2016 | 12:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.