publicidade hoxe

A Xunta executará de xeito inmediato actuacións para mellorar a situación de Cocheras en Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPoioPontevedraPontevedra
A-
A+
Rosa Quintana e Beatriz Mato na reunión coas confrarías da Ría de Pontevedra

Rosa Quintana e Beatriz Mato na reunión coas confrarías da Ría de Pontevedra

A Xunta de Galicia presentou hoxe tres propostas concretas para continuar impulsando o saneamento da ría de Pontevedra, unhas medidas que se basean na axilización da construción da depuradora de Poio, na posta en marcha de xeito inmediato dunha solución provisional que dea resposta aos vertidos de Cocheras e na priorización da construción do emisario submarino.

O Goberno galego detallou estas medidas durante a xuntanza que mantiveron as conselleiras de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a do Mar, Rosa Quintana coas as confrarías e concellos da ría de Pontevedra. No encontro tamén participou o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís.

Unha das medidas anunciadas hoxe pasa por habilitar unha solución que palíe de xeito inmediato os alivios que se producen en Cocheras. “O importante é reducir canto antes os alivios que se producen nun núcleo urbano e moi preto dun banco marisqueiro”, precisou Mato, quen explicou que Augas de Galicia instalará unha comporta móbil para diminuír eses alivios mentres a construtora e o concello non achegan a solución definitiva, posto que se trata da rede municipal. Ademais, tamén se optimizará o funcionamento do bombeo de Poio para conseguir un fluxo de caudal máis homoxéneo que minimice a posibilidade de que se produzan os alivios en tempo seco.

Como segunda medida, anunciou que o Goberno galego situará a construción do emisario submarino do Ría como “prioridade número un” dentro do Plan de saneamento local, polo que as actuacións previas comezarán de inmediato. Máis polo miúdo, precisaron que no mes de agosto está previsto realizar a batimetría para comprobar cal sería o emprazamento máis axeitado do novo emisario, así como o estudo previo do trazado e os puntos de verteduras. Este ano tamén se realizará o estudo de alternativas e iniciarase a redacción do anteproxecto.

Por último, a Xunta tamén solicitou ao concello de Poio axilidade na toma de decisión para a ubicación da depuradora neste concello, dado que neste momento existen tres posibilidades viables tecnicamente. O Goberno galego quere axilizar o máximo posible a construción da nova EDAR do municipio, dado que é unha peza importante no saneamento da ría.

En definitiva, a Xunta presentou hoxe “propostas concretas e solucións deseñadas para mellorar a calidade das augas da Ría de Pontevedra e, polo tanto, das actividades produtivas vinculadas e ela”, destacou Mato, quen avanzou que “ese é o camiño a seguir, apostando pola eficiencia e o diálogo con todos os actores implicados”.

 

Máis de 45 millóns

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades para o Goberno galego. Ao respecto, cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente ten mobilizado 11,5 millóns de euros en 23 actuacións na ría desde 2009 e para este ano están contemplados en orzamentos preto de 12 millóns, tendo en conta as actuacións a desenvolver en Poio, Marín e o desenvolvemento do Plan de Saneamento da ría.

Nos próximos anos, estes investimentos vanse multiplicar. O novo Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa declara as obras de saneamento da Ría como obras de interese da comunidade autónoma. Trátase de proxectos valorados en máis de 45 millóns de euros, aos que hai que sumar os 15 millóns que vén de comprometer ENCE para a depuradora de Praceres.

1 de xullo de 2016 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.