publicidade hoxe

A Xunta dedica 42.000 euros a obras de mellora no IES Xoglar Afonso Gómez de Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSarria
A-
A+
Raquel Arias na visita ás obras do centro

Raquel Arias na visita ás obras do centro

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, xunto co director do centro educativo José Manuel Valcarce, entre outros, supervisou hoxe o avance das obras que se están a acometer no IES xoglar Afonso Gómez, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inviste algo máis de 42.000 euros.

Neste momento estase a modificar a zona de aseos da planta baixa dun dos edificios, incluíndo un baño adaptado para persoas con problemas de mobilidade. Ademais está tamén previsto reparar a cuberta dun dos patios interiores.

Arias, quen lembrou que o pasado ano investíronse neste centro 20.000 euros en reconverter os vellos vestiarios nunha sala de reunión e de xogos para os alumnos, explicou que estas melloras fanse a cargo dos recursos adicionais obtidos pola Xunta a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade, transferidos polo Goberno central á nosa Comunidade por ter cumprido o obxectivo de déficit marcado.

Unha circunstancia da que, segundo dixo, tamén se beneficiará, no que atinxe á comarca de Sarria, o CPI Ramón Piñeiro de Láncara, onde se reformará o peche exterior e tamén se actuará na zona dos baños. A semana próxima está previsto que se inicien xa parte das obras, ás que se adicarán tamén algo máis de 40.000 euros.

En conxunto, segundo indicou a delegada da Xunta, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria consignou más de 130.000 euros a mellorar as dependencias de diferentes centros de ensino dos concellos de Sarria e Láncara xa mencionados pero tamén de Paradela, onde se fixeron varias obras de reparación no Plurilingüe San Miguel, e Triacastela, onde se reparou a cuberta do pavillón do CEIP Eduardo Cela Vila. Tamén no CEIP Frei Luis de Granada de Sarria se efectuaron xa algúns traballos de mellora de diversa envergadura e para favorecer a accesibilidade.

13 de xullo de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.