publicidade hoxe

A Xunta colabora coa escola ‘Vero Boquete’ no fomento da igualdade no mundo do deporte

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a futbolista galega Vero Boquete asinaron hoxe un protocolo de actuación coa Escola ‘Vero Boquete’ para a realización de actividades dirixidas ao fomento da igualdade entre homes e mulleres no ámbito do deporte. No acto tamén estivo presente o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.

Segundo recolle o protocolo, ambas entidades colaborarán na realización de actividades como charlas divulgativas e informativas da deportista en centros educativos de Galicia; a participación institucional en xornadas, mesas redondas ou campamentos de verán coa fin de apoiar a práctica do deporte en igualdade; e actividades de visibilidade, recoñecemento, participación e representación das mulleres nas actividades deportivas.

A colaboración materializarase a través da Asociación Deportiva Hermes, que é a encargada da organización, xestión e desenvolvemento de todas as actividades relacionadas coa Escola ‘Vero Boquete’, e ten entre os seus fins o fomento de actividades deportivas, de tempo libre e a educación non formal.

O Protocolo está enmarcado na necesidade de afrontar as diferenzas existentes na participación e representación feminina nas actividades deportivas que tradicionalmente están asociadas a un rol masculino. O deporte é unha actividade física cun gran potencial no ámbito educativo e mediático, polo que constitúe un motor de cambio social. Por isto resulta fundamental aproveitar e orientar a influencia do deporte, cara á consecución da igualdade na sociedade en xeral, como no mundo deportivo.

Verónica Boquete é unha deportista galega de alto nivel, xogadora de fútbol, un deporte habitual e, sen dúbida, mellor valorado cando é practicado por homes, polo que pode constituír un importante referente para que nenos e nenas sexan conscientes de que aínda existen condicionantes sociais e culturais que poden limitar a elección das especialidades deportivas que se queren practicar, por que é importante ser críticos/as e non permitir que eses prexuízos e estereotipos condicionen a súa elección. Actualmente Vero Boquete ostenta o cargo de embaixadora UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino.

22 de xullo de 2016 | 16:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.