publicidade hoxe

A Xunta aposta polo turismo responsable na inauguración do primeiro cámping galego autosustentable en Ons

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, reafirmaron hoxe a aposta do Goberno galego polo turismo responsable e de calidade durante a inauguración na Illa de Ons do primeiro cámping galego completamente autosustentable.

Ambas representantes autonómicas desprazáronse esta mañá ata a illa para coñecer de primeira man estas novas instalacións, que aproveitan as enerxías limpas e renovables, ao tempo que adoptan medidas de eficiencia enerxética que minimizan o uso de recursos naturais.

Máis en concreto, no cámping –dunha superficie de 8.000 metros cadrados e con capacidade para 276 campistas- construíronse dous pozos e un alxibe para optimizar o abastecemento de auga; emprégase a enerxía solar térmica para a auga quente; a electricidade prodúcese a través dunha instalación solar; as billas e duchas son temporizadas e de baixo caudal para reducir a demanda; e minimízase a contaminación lumínica a través de iluminación tipo LED con detección de presenza.

Esta iniciativa, segundo apuntou Mato, constitúe un exemplo de respecto ao medio ambiente, un compromiso firme de todo o Goberno galego e que se reflicte a través doutros recoñecementos, como a Carta Europea de Turismo Sustentable (CETS) que a Federación Europarc entregou ao Parque Nacional das Illas Atlánticas o pasado mes de decembro. Este certificado constata a aposta por garantir a máxima conservación deste espazo natural protexido.

Ao tempo que se garante o respecto ao medio natural, a Xunta segue poñendo en marcha iniciativas que conxugan os mellores valores do espazo coa promoción turística. É o caso das actividades Starlight, un novo produto turístico que aproveita as excelentes posibilidades de observación do ceo nocturno que ofrecen as Illas Atlánticas, onde o ceo se atopa libre de contaminación lumínica. Actualmente, dentro deste programa, están en marcha visitas guiadas en familia, roteiros e talleres fotográficos, rutas teatralizadas e rutas de navegación. Ademais, por suposto, segue en marcha a programación habitual en horario diúrno: rutas, actividades de snorquel, kaiak, obradoiros, ciclos de cine, formación, concursos….

Grazas a todos estes esforzos, o ano pasado conseguiuse rozar por primeira vez a cifra dos 400.000 visitantes, “unha barreira que esperamos superar este ano”, subliñou Mato. Deste total, algo máis de 83.000 achegáronse a illa de Ons. Este ano, e grazas entre outras cousas ás novas instalacións do cámping, agárdase que esta cifra poida ascender a unhas 100.000 persoas. De feito, a previsión coa que traballa o cámping é que 16.000 campistas poidan pasar a noite nestas instalacións ata o 30 de setembro.

En definitiva, tanto o cámping que se inaugura hoxe, como outras iniciativas como a CETS ou Starlight, seguen contribuíndo a converter ás Illas Atlánticas nun referente do turismo sustentable e de calidade a nivel estatal. Nesta liña traballa o Plan Integral de Turismo de Galicia, que ten entre os seus retos consolidar a Comunidade como un modelo europeo de turismo sostible a nivel económico, social e ambiental.

6 de xullo de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.