publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A sospeitosa de matar dúas persoas en Arzúa protagonizou unha fuga hai anos e presentaba problemas psiquiátricos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArzúa
A-
A+
Europa Press

A muller sospeitosa de matar en Arzúa (A Coruña) dúas persoas de idade avanzada, tíos do seu marido, protagonizou hai uns catro anos unha fuga que mantivo en vilo ás forzas de seguridade e aos veciños da súa parroquia e presentaba dende había máis de 10 anos problemas psiquiátricos que eran coñecidos polos seus veciños.

Así o asegurou  Manuel Corral, un veciño da aldea de Outeiro, limítrofe coa zona de Fontela na que vivía a muller xunto coas súas tres presuntas vítimas en dúas vivendas illadas da poboación nunha área boscosa.

O veciño contou que era coñecido que a muller padecía problemas psiquiátricos dende había máis dunha década, con “depresións” recorrentes e “ataques” nos que fuxía do seu domicilio. aínda que “nunca foi violenta”, polo que o caso estrañou na zona.

De feito, Manuel Corral recordou que a muller, que agora permanece ingresada na Unidade de Psiquiatría do Complexo Hospitalario de Santiago, sufriu hai uns catro anos un “ataque moi soado”, tras o que fuxiu do seu domicilio e “desapareceu”. Tras días de intensa busca, os efectivos de emerxencias localizárona escondida nun peto situado nunha vivenda antiga dentro do mesmo terreo.

Ademais dos seus problemas psiquiátricos, a muller atopábase afectada polo falecemento da súa sogra, que se suicidou hai dous anos, e polas secuelas que o seu marido arrastraba a raíz dun accidente de tractor sufrido recentemente.

Garda Civil, Policía Forense e Policía Local continuaban a mediodía deste mércores recollendo probas e indicios tanto na casa principal onde se produciu a agresión ao sogro, agora ingresado no Hospital Clínico, coma na pequena construción na que residían as dúas vítimas mortais, de 84 e 98 anos. Os servizos funerarios, tamén se achegaron ata a zona, illada do resto da poboación.

27 de xullo de 2016 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.