publicidade hoxe

A IV Travesía do Miño congrega en Lugo a uns 200 nadadores dos cales 8 serán olímpicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLugoLugo
A-
A+
Presentación da IV Travesía do Miño

Presentación da IV Travesía do Miño

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o Deputado de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes, Pablo Rivera, e o Presidente do Club de Natación PortaMiñá, Fernando Timiraos, presentaron este mércores no Salón de Plenos a IV Travesía do Miño Cidade de Lugo, que congregará á beira do río Miño este sábado a uns 200 deportistas, 8 deles olímpicos. Ao acto tamén asistiu un representante de Estrella Galicia, patrocinador do evento, Pedro Gay.

Durante a presentación, Miguel Fernández subliñou que esta travesía enmárcase na aposta do Concello polas competicións deportivas como elemento dinamizador da cidade. “Esta fin de semana, Lugo respirará deporte”, asegurou o edil, pois terán lugar tanto esta travesía como o Tríatlon do Miño o domingo. Neste senso, Fernández destacou a importancia destes dous eventos como elemento de promoción dun dos tesouros da cidade, o río Miño, e de todo o patrimonio lugués, así como para transmitir valores como esforzo; ao tempo que convidou a todos os lucenses a achegarse ao río para gozar desta competición.

Miguel Fernández tamén se amosou satisfeito de colaborar co Club PortaMiñá, ao que destina unha achega económica de 7.000 euros, e ao que lle agradeceu  o impulso que fai polo deporte de base, un compromiso que comparte do Concello, que ano tras ano vén apostando polo deporte, en todas as modalidades, como parte formativa e de crecemento dos cativos

Pola súa banda, o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, quixo felicitar ao Club PortaMiñá, co que colabora o organismo provincial cunha achega anual de 10.000 euros, pola organización dunha nova edición da Travesía a Nado Cidade de Lugo, “un evento que o ano pasado reuniu a máis de 150 nadadores e que o sábado seguro repetirá éxito, coa presenza confirmada de destacados deportistas nacionais e internacionais”, sinalou.

Timiraos agradeceu a colaboración imprescindible e a aposta firme tanto da Deputación do Concello por este evento, que se vai consolidando no panorama nacional, e que está financiado cunha subvención con fondos dos bens decomisados do Plan Nacional sobre Drogas. 

A Travesía a Nado Cidade de Lugo é unha competición de aguas abertas que puntúa para o campionato galego de natación, tal e como deu a coñecer Timiraos. Hai tres percorridos diferentes, unha proba popular de 200 metros, outra de 1.500 e a última de 5.000 metros.

21 de xullo de 2016 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.