publicidade hoxe

A FAEPAC asesorará ao Concello de Bergondo en materia de aforro e eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondo
A-
A+

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará ao concello de Bergondo en materia de aforro e eficiencia enerxética durante o próximo ano.

Segundo se recolle no convenio asinado esta mañá polo presidente da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, a FAEPAC realizará durante o vindeiro ano traballos de análise e verificación das facturas eléctricas municipais, clasificación das instalacións eléctricas segundo o seu nivel de consumo, e asesorará ao municipio bergondés sobre novos materiais, produtos, sistemas ou servizos susceptibles de ser instalados en dependencias municipais para reducir o consumo eléctrico e mellorar a súa eficiencia enerxética.
Coa incorporación de Bergondo, a FAEPAC, fundada no ano 2006, presta xa servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica a 20 concellos da provincia, permitindo importantes aforros aos municipios. Así, durante o pasado exercicio, concellos coruñeses de entre 5.000 e 30.000 habitantes aforraron máis de 20.000 euros ao ano na factura eléctrica e os de 3.000 a 5.000 habitantes poideron aforrrar máis de 50.000 € anuais con investimentos modestos que teñen un periodo de retorno de entre 2 e 4 anos.

Revitalizar a FAEPAC

González Formoso saudou a incorporación de Bergondo aos servizos da FAEPAC e manifestou que un dos obxectivos do actual goberno é “revitalizar” este organismo axudando aos concellos a aforrar na factura eléctrica, que para algúns concellos do ámbito rural supón xa a maior partida do gasto corrente, por enriba incluso da de persoal.

Formoso apuntou tamén que o Plan de Medio Ambiente (PMA), aprobado recentemente polo goberno provincial e dotado cun presuposto de 5 millóns de euros, ten tamén entre os seus obxectivos apoiar económicamente aos 93 concellos coruñeses na mellora da eficiencia dos sistemas de climatización e iluminación municipais.

14 de xullo de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.