publicidade hoxe

A directora xeral de Xuventude destaca as tarefas ambientais que se realizan no campo de traballo de Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos participantes no campo de traballo de Cotobade, que forma parte da Campaña de Verán da Consellería de Política Social. Esta iniciativa ten lugar do 27 de xullo ao 7 de agosto e nel participan mozos e mozas de Galicia, do resto de España e de varios países de todo o mundo.

Os voluntarios e voluntarias realizan tarefas ambientais na ruta “Foxo do Lobo” ao seu paso pola parroquia de Carballedo, que consisten na limpeza e acondicionamento das zonas de tránsito do sendeiro. Ademais, realizan obradoiros relacionados co emprendedurismo xuvenil aproveitando os recursos da zona, que poden servir de base para futuros proxectos laborais e de autoemprego.

Os e as participantes tamén contan con actividades complementarias como obradoiros de liderado, coaching e traballo en equipo, sendeirismo, xeolocalización, veladas, visitas culturais a lugares de interese da comarca, tiro con arco e dinámicas grupais.

Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo contribúen á difusión de valores como a participación, a solidariedade, o coñecemento do contorno e o traballo en equipo entre os participantes”. Así mesmo, “fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos mozos e mozas a oportunidade de tomar parte en campos doutras Comunidades e países”.

Galicia é a comunidade de referencia en materia de Campos de traballo. O ano pasado a nosa comunidade organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España, segundo o balance realizado polo Injuve. Este ano a Consellería de Política Social organiza un total de 23 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán e os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nestas iniciativas. Destas prazas, 120 son para Campos noutras comunidades autónomas, 250 para Campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para Campos en Galicia.

No total galego, na Campaña de verán toman parte 9.046 mozos e mozas, un 6 % máis que no ano anterior. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en actividades específicas para os distintos grupos de idade.
O departamento autonómico inviste 2,6 millóns de euros na posta en marcha destas actividades, que permitirán a contratación dunhas 900 persoas entre monitores e directores de tempo libre.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

29 de xullo de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.