publicidade hoxe

A Deputación de Lugo inviste en Monforte 700.000 euros en emprego, servizos sociais e infraestruturas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, presentou este venres en Monforte de Lemos o 1º investimento do Orzamento de 2016 para este municipio, dotado de case 700.000 euros. Fíxoo nunha visita institucional, que arrancou cunha recepción por parte do Alcalde, José Tomé Roca, e outros membros da Corporación, na que o Presidente asinou no Libro de Ouro do Concello.

“A miña primeira visita institucional a un Concello da provincia de Lugo como Presidente da Deputación foi a Monforte de Lemos o pasado mes de novembro. Nesa data, abordei co Alcalde as necesidades do municipio para mellorar as prestacións públicas e a calidade de vida dos 19.000 monfortinos, e adquirín varios compromisos para darlles resposta dende o organismo provincial. Hoxe isto é unha realidade, pois aprobamos na Deputación un investimento de case 700.000 euros para crear emprego, impulsar os servizos sociais e mellorar as infraestruturas deste municipio”, explicou o Campos.

Estes preto de 700.000 euros, que se inxectarán de xeito inmediato no Concello, serán para as seguintes actuacións:

Mellora de infraestruturas e dotacións públicas

– 245.000 euros para a mellora de infraestruturas. O Presidente e o Alcalde asinaron hoxe un convenio de colaboración, que tamén este mesmo venres, minutos antes da visita a Monforte de Lemos, aprobou o Executivo da Deputación na Xunta de Goberno. Grazas a esta colaboración, melloraranse con aglomerado en quente tres céntricas rúas, así como o aparcadoiro do Parque dos Condes. Concretamente, 80.000 euros serán para de dita zona de estacionamento; 81.000 para 1 quilómetro da rúa Leopoldo Calvo Sotelo; 24.000 para 325 metros da rúa Benito Vicetto; e 60.000 euros para 630 metros na rúa 1 peri urbana do polígono industrial do Reboredo.

– 155.000 euros para o saneamento na zona de confluencia da rúa San Pedro. A través do mesmo convenio, a Deputación financiará con dito investimento estes traballos, que tamén contan cunha achega económica por parte do Concello de 180.000 euros, co fin de evitar as filtracións de auga na zona.

– 92.928 euros para as obras municipais do Plan de Obras e Servizos de 2016 (POS). Supón o triplo que na pasada anualidade, pois o Presidente quixo multiplicar por tres o investimento da Deputación nos Concellos a través desta programación. O Goberno Provincial prevé aprobar a listaxe de obras no Pleno deste mes, sempre que todos os Concellos presenten as memorias dos proxectos para poder iniciar inmediatamente despois a súa execución. Dita cantidade tamén é a que lle corresponde a Monforte de Lemos en base a súa superficie, densidade de poboación, núcleos poboacionais e esforzo fiscal.

– 15.000 para o Conservatorio de Música. Esta partida inclúese dentro das subvencións nominativas do Orzamento de 2016, que, por 1ª vez, a Deputación adianta nun 80%.

– 31.529 euros para aforro enerxético. É a cantidade que lle corresponde a Monforte de Lemos, segundo criterios obxectivos, do Plan de Aforro Enerxético da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, que hoxe aprobou o Executivo na Xunta de Goberno Provincial. Con este cartos, a institución luguesa financiará melloras na rede de alumeado público, instalacións de caldeiras ou estufas de biomasa, así como novas redes de calor e illamentos térmicos.

– 6.305 euros para mellorar a sede electrónica. Os Concellos teñen que realizar melloras nas mesmas antes do 1 de outubro debido á entrada en vigor da Lei do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas. Esta normativa establece cambios nas ferramentas tecnolóxicas para axilizar, modernizar, simplificar e garantir aos cidadáns a realización de todos os seus trámites coas mesmas de xeito telemático. Por este motivo, a Deputación ofrece aos 66 municipios de menos de 20.000 habitantes axudas económicas, que distribúe en base a criterios obxectivos (superficie, esforzo fiscal, densidade de poboación e unidades de poboación), para poder levalas a cabo.

Creación e impulso do emprego

– 63.502 euros para crear emprego. É a cantidade que lle corresponde a Monforte de Lemos, segundo criterios obxectivos, do DEPUEMPREGO. Trátase do Plan de Emprego da Deputación nos Concellos de menos de 20.000 habitantes, que hoxe mesmo aprobou o Executivo na Xunta de Goberno Provincial. Esta programación é unha aposta persoal do Presidente pola xeración de traballo e a máxima cooperación cos Concellos.

– 30.000 euros para a Festa Medieval. Esta partida inclúese dentro das subvencións nominativas do Orzamento de 2016, que, por 1ª vez, a Deputación adianta nun 80%.

Servizos Sociais

– 23.744 euros para o Servizo a Domicilio. É o investimento que lle corresponde a Monforte de Lemos en base ao seu índice de envellecemento, superficie, densidade de poboación e unidades de poboación. Por primeira vez, esta prestación suporá custo cero para os Concellos, xa que o Goberno da Deputación decidiu asumir todos os custos. Tamén de xeito pioneiro, o organismo provincial ofrece aos municipios un adianto do 90% e a posibilidade de poder financiarlles, ademais dos gastos de persoal, os gastos de funcionamento, axustándose ás necesidades dos usuarios de cada unha das distintas entidades locais co obxectivo de mellorar a calidade deste servizo público.

– 5.000 euros para Auxilia Monforte. Esta partida inclúese dentro das subvencións nominativas do Orzamento de 2016, que, por 1ª vez, a Deputación adianta nun 80%.

– 10.000 euros para Alzheimer Monforte. Esta partida inclúese dentro das subvencións nominativas do Orzamento de 2016, que, por 1ª vez, a Deputación adianta nun 80%.

15 de xullo de 2016 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.