publicidade hoxe

A Consellería de Medio Ambiente completará o sistema de abastecemento das parroquias de Larín e Monteagudo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio completará o sistema de abastecemento e saneamento público das parroquias de Larín e Monteagudo, en Arteixo. O Goberno galego ten previsto achegar un millón de euros para acometer estes traballos.

Así se recolle no convenio que asinaron hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Carlos Calvelo. Durante a presentación, concretaron que o orzamento consignado servirá para incrementar as redes de subministración existentes e dar así servizo a varios núcleos de poboación do rural. O proxecto desenvolverase e licitarase este mesmo ano.

A conselleira fixo fincapé en que este orzamento se suma aos preto de 6 millóns de euros que o Goberno galego xa ten destinado desde 2009 a actuacións de saneamento na localidade, en concreto, á construción dunha rede de colectores secundarios no concello.

Mato explicou que este acordo se inscribe na aposta da Xunta por seguir traballando a prol do abastecemento e o saneamento. “Este esforzo tradúcese no maior investimento da historia da nosa comunidade. Desde 2009 temos destinado 113 millóns de euros a 309 actuacións de abastecemento e construído preto de 800 quilómetros de tubaxes. Tamén se investiron máis de 1.000 millóns de euros en saneamento e depuración, o que permitiu executar 350 actuacións e que supón unha media de 5 cada mes”, precisou.

Todo este traballo “pódese cuantificar”, xa que se no 2009 o 70% das augas eran de boa calidade, agora esa cifra está preto do 78%. Ademais, “seguirase traballando”, proseguiu a conselleira, tal e como se recolle no Plan hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa, que contará cun orzamento de 655 millóns de euros ata 2021.

26 de xullo de 2016 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.