publicidade hoxe

A Consellería de Educación investirá 330.000 euros na ampliación do IES Laxeiro de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria investirá máis de 330.000 euros na ampliación do IES Laxeiro de Lalín co obxectivo de ampliar a biblioteca, dar resposta ás necesidades dos ciclos de FP –que coa Lomce pasan a ter 2.000 horas– e da FP Básica, así como para poñer en marcha un viveiro de empresas no centro. A licitación da obra, que sae publicada hoxe no DOG, vén a confirmar o compromiso adquirido polo conselleiro Román Rodríguez co director do instituto o pasado mes de abril, cando lle comunicou que se levaría a cabo esta actuación neste mesmo ano.

Deste xeito, a ampliación supón crear un volume sobre a zona administrativa existente para unificar alturas e poder albergar espazos de ampliación de uso segundo o programa de necesidades. Deste xeito, na planta baixa adecuaranse os espazos para albergar o viveiro de empresas e ampliarase a biblioteca no espazo antes asignado á sala de profesores e á sala de informática, co fin de dotala de salas independentes e maior versatilidade.

Pola súa banda, en planta alta localizarase unha sala de profesores, dúas aulas de nova creación, un aseo de profesores e dous despachos (un de dirección e outro de secretaría). Os traballos teñen un prazo de execución de catro meses. Os detalles da licitación poden consultarse no seguinte enderezo web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160714/AnuncioG0164-080716-0005_gl.html

Primeiro viveiro nos centros de Deza

Trátase dunha ampliación de vital transcendencia para o instituto, posto que contará co primeiro viveiro de empresas dentro dos centros educativos da comarca de Deza. De feito, un dos obxectivos da Consellería pasa por ampliar a cobertura territorial da Rede de Viveiros, que agrupa un total de 19 espazos e actualmente está integrada por centros das sete grandes cidades e concellos onde hai un CIFP.

Por tanto, e ademais de ser o primeiro centro educativo da comarca de Deza que contará cun viveiro de empresa, o IES Laxeiro de Lalín tamén senta as bases da nova senda de implantación destes espazos de emprendemento, máis alá das cidades e dos Centros Integrados de Formación Profesional.

Berce do emprendemento

Cómpre lembrar que os viveiros de empresa son unha ferramenta fundamental para fomentar o emprendemento entre o alumnado e mellorar, en consecuencia, a súa inserción laboral unha vez saian ao mercado de traballo. De feito, moitas das iniciativas empresariais xurdidas nestes espazos tiveron continuación como proxecto de negocio fóra do viveiro.

14 de xullo de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.