publicidade hoxe

A conselleira de Medio Ambiente apela á sensibilización de toda a sociedade para protexer e conservar a paisaxe galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastro de ReiLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na presentación da guía

Beatriz Mato na presentación da guía

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, defendeu hoxe que o coñecemento é o primeiro paso para a protección e o coidado da paisaxe galega, un labor de conservación que “nos corresponde a todos”.

Así o destacou hoxe durante a súa intervención na presentación da Guía de boas prácticas paisaxísticas na Terra Chá. Este documento, impulsado pola Fundación Juana de Vega e a Fundación Blas de Ponte de Outeiro, presentouse hoxe en Castro de Rei.

“Hai poucas cousas que definan tanto a Galicia e aos galegos como a paisaxe”, considerou Mato, quen salientou a especial importancia que a paisaxe ten nesta comarca “que leva as súas grandes chairas na raíz do seu xentilicio”.

Para conservar esta riqueza, considerou necesario promover e consolidar unha nova cultura territorial e paisaxística, á que contribúen iniciativas como a presentada hoxe, pero tamén outras actuacións como as que está a impulsar o Goberno galego.

Así, apuntou que a sensibilización é un dos principais eixos nos que actuar. Nesta área, desde a Xunta téñense acometido importantes avances, como o programa Paisaxe e sustentabilidade, que desenvolven conxuntamente desde 2012 o Instituto de Estudos do Territorio (IET) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no marco do Plan Proxecta. De feito, esta experiencia serviu como base para implantar a materia de libre elección Paisaxe e sustentabilidade en secundaria e bacharelato, unha experiencia que se desenvolveu por primeira vez no curso pasado, que vén de rematar.

Ademais da conciencia social, a conselleira defendeu á necesidade da implicación das administración públicas á hora de establecer un marco normativo “eficiente e adecuado”. Neste sentido, lembrou que a nova Lei do solo de Galicia recolle a protección da paisaxe como un dos seus núcleos principais, á que sitúa “por riba de calquera interese privado ou particular”.

Ao mesmo tempo, o departamento autonómico segue avanzando para completar o primeiro Atlas das Paisaxes de Galicia, que se converterá nun instrumento “fundamental” para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o territorio galego.

Este Atlas estará constituído polo Catálogo e as Directrices da Paisaxe. A previsión é que o Catálogo sexa aprobado de maneira definitiva ao final deste mes, logo de ter incorporado as achegas de particulares e concellos. Pola súa banda, espérase ter tamén listo antes de que remate xullo o primeiro borrador das Directrices, no que se terán en conta as achegas realizadas durante o período de participación pública, que tivo lugar entre febreiro e abril.

En definitiva, Mato comprometeuse a seguir desenvolvendo un “traballo intenso” para protexer e poñer en valor a paisaxe galega mentres se continúa impulsando “unha verdadeira corresponsabilidade” para conservar e manter os valores do noso territorio.

8 de xullo de 2016 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.