publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A base de Valdeorras pasará a ter helicóptero propio a partir de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseVerín
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á base de Vilamaior

Ángeles Vázquez na visita á base de Vilamaior

A conselleira do Medio Rural realizou esta mañá unha visita á base de Vilamaior, no concello de Verín, durante a cal anunciou que a base de Valdeorras, que actualmente se utilizaba como base alternativa pasará a ser titular en agosto. Isto significa que contará cun helicóptero propio grazas á incorporación de 4 aeronaves que fará a Xunta nese mes co obxectivo de reforzar o operativo de incendios no momento no que se prevé serán máis necesarias.

“Así, reforzamos aínda máis o operativo antiincedios na provincia de Ourense, a máis afectada historicamente polos lumes”, declarou a conselleira en Verín, concello que pertence a un dos distritos con máis actividade incendiaria.

A titular de Medio Rural coñeceu de primeira man ao persoal adscrito a esta base aos que agradeceu a súa labor na loita contra o lume, especialmente nos meses de alto risco. “A labor que desenvolven todos os traballadores do operativo é vital, non só á hora de sufocar os lumes, senón na vixilancia e disuasión”, sinalou, e apelou tamén á colaboración da cidadanía á hora de comunicar tanto os lumes, como a presenza de posibles incendiarios a través do número de teléfono gratuíto 085.

Tras esta visita, Ángeles Vázquez desprazouse tamén ao concello de Monterrei para ver os terreos afectados polo lume da parroquia de Vilaza, que está controlado dende o domingo ás 22.06 horas. Segundo as estimacións provisionais que manexa a Consellería, o incendio afectou a unha superficie de 170,32 hectáreas, das que 12 son de arborado e o resto de monte raso. Na súa extinción levan traballado 1 técnico, 32 axentes, 47 brigadas, 27 motobombas, 7 pas, 8 helicópteros e 6 avións.

A conselleira falou cos veciños afectados por este lume e solidarizouse con eles. “Hai que lembrar que os incendios non só representan un atentado contra o medio ambiente e contra o noso patrimonio, senón que poñen en perigo os bens dos veciños en incluso as súas vidas e a do persoal que traballa na extinción”, declarou a conselleira, que tivo unhas palabras de agradecemento para o brigadista que permanece ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, con motivo das queimaduras do incendio rexistrado en Ribas de Sil.

27 de xullo de 2016 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.