publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Autovía da Costa da Morte entre Carballo e Baio abre ao tráfico oito anos despois do seu inicio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
O titular da Xunta no acto de posta en servizo da Autovía da Costa da Morte. Foto: X. Crespo

O titular da Xunta no acto de posta en servizo da Autovía da Costa da Morte. Foto: X. Crespo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a contratación este mesmo ano do proxecto construtivo que permitirá acometer a prolongación da Autovía da Costa da Morte ata o concello de Vimianzo “e, desde aí – engadiu- entroncar cara a outros lugares como o concello de Camariñas”. “Seguimos crendo que a Costa da Morte merece e precisa unha vía de alta capacidade que una A Coruña con Fisterra. E despois de todos este anos temos máis claro que nunca que o camiño se fai paso a paso, e que para chegar a Fisterra fai falta chegar primeiro a Baio, desde alí enfilar cara a Vimianzo e logo cara a Fisterra. E niso estamos”, detallou.

Durante o acto da posta en servizo da Autovía da Costa da Morte, Feijóo afirmou que os máis de 27 quilómetros libres de peaxe que conforman a conectividade entre Carballo e Zas, máis a circunvalación de Baio, se abren ao tráfico para proporcionar máis calidade de vida e benestar a toda esta comarca, máis alá dos cinco concellos polos que transcorren e que quedan vertebrados.

Non en van, desde esta tarde, os 120.000 veciños de Bergantiños, Soneira e Fisterra empezarán a beneficiarse das vantaxes dunha infraestrutura: que evita a circulación por 7 quilómetros de travesías, coas consecuentes melloras que isto supón tanto para os condutores como para os veciños deses núcleos; que reduce case á metade o tempo necesario para desprazarse entre Carballo e Santa Irena; e que permite, ademais, facelo de forma cómoda e segura a través dunha estrada de última xeración.

Así mesmo, o titular do Executivo galego afirmou que os veciños da Costa da Morte verán multiplicadas as súas oportunidades de progreso e crecemento, “xa que estamos a falar -explicou- dunha infraestrutura soñada hai tempo e que nace hoxe como un camiño de futuro que achega aos galegos entre si; e que contribuirá, por exemplo, a que se desenvolvan os proxectos empresariais que aquí se radiquen e se poñan en valor todas as bonificacións que a Xunta está a levar a cabo nos polígonos industriais da zona executados pola Administración autonómica, unhas bonificacións de ata o 50% no prezo do solo”.

Cun orzamento de máis de 170 millóns de euros, Feijóo asegurou que esta autovía é unha referencia da aposta do Goberno galego por avanzar na vertebración da nosa Comunidade a pesar das extraordinarias dificultades que a crise económica supuxo para este obxectivo.

Neste sentido, lembrou que, a pesar dun contexto de estreiteces económicas, hoxe a rede autonómica de vías de alta capacidade creceu un 66% nos últimos oito anos. O que significa que, cando remate este ano, o 80% da poboación galega estará a menos de 15 minutos dunha vía de alta capacidade.

“Será así grazas á execución de 210 novos quilómetros de vías de alta capacidade libres de peaxe planificados e executados” dixo, facendo referencia ao corredor Sarria- Monforte, á autovía Ourense- Celanova, ao primeiro treito da Autovía do Baixo Miño, na que se continúa avanzando e á execución, neste momento, do desdobramento do Corredor do Morrazo.

Feijóo subliñou tamén que desde 2010 a Xunta implementou as bonificacións das autoestradas de peaxe de titularidade autonómica: primeiro, conxelando as taxas e, segundo, reducindo os custos para os usuarios que as empregan habitualmente, convertendo as dúas autoestradas propiedade da comunidade nas autoestradas coas peaxes máis baratas de España.

Logo de resaltar que en total, desde o ano 2009, a Administración autonómica financiou peaxes por un importe de máis de 40 millóns de euros, Feijóo concluíu garantindo o compromiso do Goberno galego de seguir apostando por unha Costa da Morte mellor conectada, máis segura e máis competitiva.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, incidiu en que se trata dunha VAP cun trazado que, nun territorio como Galicia, supera os estándares habituais de autovía e garante as máximas condicións de seguridade viaria.
Vázquez Mourelle salientou que estamos ante un auténtico reto para a enxeñería e a obra pública galega, ao construír, nunha soa fase e en pouco máis de ano e medio, os 27 quilómetros de autovía.

29 de xullo de 2016 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.