publicidade hoxe

250 cativos da provincia participan en Cerceda no Campus de Fútbol da Real Federación Española de Fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCerceda
A-
A+

Douscentos cincuenta nenos e nenas da provincia da Coruña participarán a partir deste domingo en Cerceda no Campus de Fútbol que organiza a Real Federación Española de Fútbol e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello cercedense.

O evento deportivo, que se desenvolverá do 3 ao 16 de xullo, foi presentado esta mañá, na sede da Deputación, polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, o deputado responsable da área de Deportes e alcalde de Cerceda, José García Liñares, o director de Proxectos da Fundación da RFEF, Joaquín de Ramos, e o ex xogador internacional e actual entrenador do Cerceda, Ángel Cuéllar.

O representante da Federación, Joaquín de Ramos, agradeceu o apoio da Deputación, que vai a permitir que participen neste campus deportivo “nenos de toda a provincia” e cuxo obxectivo fundamental será “educar a través do deporte”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “compromiso” da institución provincial coa promoción do deporte, que se plasma nos 80 millóns de euros que, ao longo deste mandato, se destinarán a fomentar actividades, apoiar o deporte de base e mellorar as infraestruturas deportivas da provincia.

González Formoso considerou que o respaldo da RFEF dá ao Campus “un caché importante”, facéndoo máis atractivo para os nenos e nenas da provincia, “especialmente na época estival, na que tratamos de acentuar a nosa oferta deportiva”. Neste sentido, subliñou que a Deputación prepara para esta verán a celebración, por vez primeira, dunha Copa de Fútbol Deputación feminina, a Bandeira de Traíñas e campaña de vela, ademáis de colaborar en dúas etapas da Vuelta Ciclista a España, entre outras actividades.

“A Federación foi moitos anos a miña casa e Cerceda é a miña casa actual. A combinación de ambas é fenomenal”, apuntou o xogador internacional Javier Cuéllar, que destacou as boas instalacións deportivas nas que se desenvolverá a actividade e subliñou que “a educación en valores” é a parte máis importante do deporte base.

Ao remate do acto, De Ramos entregou a González Formoso e a García Liñares sendas camisetas oficiais da selección española co seus nomes impresos no dorsal e asinadas por todos os integrantes do equipo nacional.

200 prazas subvencionadas por Deputación e Concello

A Deputación subvencionará a matrícula de 60 prazas en cada unha das dúas quendas coas que contará o Campus: do 3 ao 8 de xullo e do 10 ao 16 de xullo, mentres que o Concello de Cerceda subvencionará outras 40 por quenda. Haberá prazas en réxime externo e interno e transporte diario en autobús entre A Coruña e Cerceda.

A actividade está destinada a nenos e nenas entre os 8 e os 17 anos e incluirá un amplo programa de tecnificación, que aborda dende adestramento específico para porteiros ata golpeo e control do balón, marcaxe, e estratexias defensivas e ofensivas.

Os participantes recibirán unha equipación oficial da RFEF e unha camiseta de adestramento, ademáis dun diploma acreditativo da asistencia.

1 de xullo de 2016 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.