publicidade hoxe

Xunta e EOI formarán a 250 emprendedores na nova aceleradora de proxectos empresariais de Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

A acción impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e o Ministerio de Industria, e a Escuela de Organización Industrial (EOI), co cofinanciamento do Fondo Social Europeo (FSE), fará posible que 250 emprendedores da comarca de Mondoñedo reciban formación e asesoramento nos espazos de traballo en común que en próximas datas se van poñer en marcha nos locais habilitados polo Concello.

Esta actuación de impulso á creación de novas empresas forma parte das iniciativas desenvolvidas ao abeiro do acordo de colaboración definido por ambas administracións para facilitar a apertura e mantemento, durante dous anos, de seis novas aceleradoras de emprendemento en Galicia e que beneficiarán a arredor de 1.500 persoas con vocación empresarial.

O director do Igape, Javier Aguilera, e o director de Iniciativa Emprendedora, Innovación e Pemes da EOI, Miguel Sánchez Galindo, presentaron hoxe en Mondoñedo o novo espazo coworking, nun acto onde participou tamén a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia. Todos os representantes públicos destacaron a importancia da cooperación entre as tres administracións –central, autonómica e local– para dar un novo pulo ao emprendemento no norte de Lugo.

O Goberno galego promove o emprendemento como un dos piares básicos de actuación para contribuír a consolidar a recuperación económica e xerar emprego. Na busca dese obxectivo xenérico, e no marco da Lei do Emprendemento, a Xunta procura que as persoas con vocación emprendedora dispoñan dos máis variados servizos e instrumentos de apoio, axudándose para iso da cooperación con todas as entidades que traballan neste eido, como é o caso da EOI.

Este proxecto impulsado coa EOI conta cun orzamento conxunto de 4,8 millóns de euros. A través do Igape, a Xunta achega 960.000 euros, e a EOI a cantidade restante, contando con cofinanciamento do FSE. Durante a presentación da aceleradora de Mondoñedo, os directores do Igape e da EOI subliñaron a relevancia da cooperación dos concellos, que ceden os locais para a formación e asesoramento dos emprendedores e para a posta en marcha e aceleración dos mellores proxectos, que serán titorizados por expertos no sector no que se centre cada actividade empresarial.

O obxectivo do espazo de emprendemento que se habilita en Mondoñedo é acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais no centro e norte de Lugo; ao tempo que se incrementa a probabilidade de éxito das ideas impulsadas polos emprendedores nun período limitado de tempo, cinco meses en cada unha das catro convocatorias previstas, identificando e facilitando a posta en marcha dos proxectos con maior potencial de desenvolvemento e consolidación.

En Galicia poranse en marcha outras cinco aceleradoras de emprendemento que estarán emprazadas en Cabana de Bergantiños, Ferrol, Celanova, Xinzo de Limia e Monforte, onde se presentará esta tarde. O obxectivo é sempre o de impulsar o reequilibrio da actividade empresarial sobre o territorio galego. En cada unha das sedes haberá catro convocatorias sucesivas que se desenvolverán durante uns 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, a máis de 60 emprendedores-impulsores dun máximo de 22 proxectos por convocatoria e localización. En total, poderán participar nesta iniciativa 1.500 emprendedores de toda Galicia.

A Xunta impulsa un paquete de instrumentos de apoio integral ao emprendemento que inclúe programas de formación e asesoramento que se reforzan coas accións coworking, como a que agora comeza en Mondoñedo; axudas financeiras ou préstamos participativos a través de fondos, como o Galicia Iniciativas Emprendedoras de Xesgalicia; financiamento privado a través da Rede Galega de Business Angels; e instrumentos de apoio á consolidación de novos proxectos empresariais, como a Rede Galega de Mentores, que coordina a expertos en xestión empresarial que apoian a novas empresas.

Este completo marco de apoio amplíase, grazas ao acordo entre a Xunta e a EOI, coas seis aceleradoras, que se suman ás creadas mediante acordos con outras entidades ou empresas como Zona Franca (Vía Galicia) ou Telefónica (Galicia Open Future). Agrobiotech é outro dos programas de aceleradoras da Xunta.

8 de xuño de 2016 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.