publicidade hoxe

Todo listo en Soutomaior para a inauguración da Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaior
A-
A+

Este mércores terá lugar no Castelo de Soutomaior a xornada inaugural da Escola Provincial Pública de Igualdade María Vinyals, un proxecto pioneiro e innovador que dá resposta ao firme compromiso da Deputación de Pontevedra para impulsar a igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres. Trátase do primeiro centro destas características en Galicia e un dos poucos en España, que nace coma un espazo para a formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade pero tamén coma un lugar de encontro para todas as persoas que traballan na loita contra a violencia machista e a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres.

A apertura da xornada será as dez da mañá e correrá a cargo da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e da presidenta do Diario de Pontevedra, Blanca García Montenegro. A continuación, e durante a mañá, desenvolveranse unha serie de conferencias para analizar a figura de María Vinyals, que dá nome é escola, os movementos feministas, a axenda da igualdade na historia da democracia e a realidade da violencia de xénero. Xa pola tarde, a xornada estrutúrase en tres obradoiros nos que se traballarán as respostas profesionais á violencia de xénero, a rede de liderado das mulleres electas e a perspectiva de xénero nas políticas locais.

Esta xornada inaugural, ao igual que as demais actuacións da Escola María Vinyals, está dirixida ao persoal técnico da Administración local, a profesionais que traballan na loita contra a violencia de xénero e a mulleres electas da provincia. Así, a través desta escola, impartirase formación gratuíta e de calidade en materia de igualdade, pero a propia escola tamén serve de punto de encontro e de intercambio de saber entre todas as persoas implicadas no eido da igualdade.

A Escola de Igualdade María Vinyals é unha aposta innovadora do novo goberno da Deputación de Pontevedra, que ten a igualdade coma un dos seus eixos principais de traballo. Dende a institución provincial creouse un servizo propio de Igualdade, inexistente ata ese momento, que está a impulsar políticas públicas en materia de igualdade. Un servizo que traballa tanto de xeito interdepartamental na propia Deputación incorporando o eixo da igualdade en todas as súas políticas, como a nivel interinstitucional traballando man a man cos concellos de Pontevedra, co resto das institucións e cos colectivos e asociacións de toda a provincia.

28 de xuño de 2016 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.