publicidade hoxe

Román Rodríguez destaca a obra do escultor Manolo Paz como unha das máis transcendentes no desenvolvemento da arte galega contemporánea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosLocal Portada
A-
A+
I Xornadas da Fundación Manolo Paz

I Xornadas da Fundación Manolo Paz

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe nas I Xornadas da Fundación Manolo Paz, nas que salientou a obra deste escultor como “unha das máis transcendentes no desenvolvemento da arte galega contemporánea”. Un autor que, tal e como sinalou o titular do departamento de Cultura da Xunta, foi quen de crear un espazo coma o da fundación que leva o seu nome, “no que a comuñón entre natureza e arte fai falar as pedras”, acadando o “vello soño da humanidade de dialogar co inanimado”, a través da transformación dos materiais que a terra proporciona. Neste sentido o conselleiro sinalou a capacidade de Manolo Paz para integrar a súa escultura coa paisaxe, facendo da súa obra unha reflexión sobre a cultura autóctona e os seus significados, a través do uso de materiais como a pedra aos que fai dialogar co lugar no que van habitar; traballos que “conviven en harmonía co verde dos piñeiros e as cores do río Umia e o mar da ría de Arousa”.

Román Rodríguez quixo felicitar ao artista pola organización destas xornadas, coas que se busca preservar e potenciar o patrimonio cultural único que rodea á Fundación (sita en Quintáns, Cambados), a través da colaboración con diferentes expoñentes das artes, a música ou a cultura do Salnés, como o artista plástico Álvaro Negro, o sumiller José Aragunde, ou o músico de jazz Paco Charlín. Deste xeito sinalou esta iniciativa como un bo modo de fomentar un desenvolvemento sostible para o contorno, achegando a arte á realidade social e empresarial de Cambados e da comarca, de tal xeito que a Fundación funcione como un motor creativo e vital para a zona.

No transcurso do acto entregouse o Premio Fundación Manolo Paz ao arquitecto Xerardo Estévez; tras o que se desenvolveu unha visita guiada polas instalacións da Fundación. As xornadas continuarán pola tarde cunha conferencia de Aurora Armental e Stefano Ciurlo e outra de Ana Gallego Palacios, ambas as dúas arredor da arquitectura. O programa continuará mañá cunha cata de viños Rías Baixas a cargo do sumiller José Aragunde e cunha ruta pola desembocadura do Umia. As xornadas pecharanse cun concerto de jazz no que Paco Charlín Quartet presentará o seu novo disco, inspirado na obra de Manolo Paz.

10 de xuño de 2016 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.