publicidade hoxe

Rey Varela reafirma o compromiso da Xunta de avanzar cara unha sociedade máis integradora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportes
A-
A+
Rey Varela na entrea de diplomas aos alumnos do curso de vela adaptada

Rey Varela na entrea de diplomas aos alumnos do curso de vela adaptada

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta de Galicia a favor da “consecución dun mundo con menos barreiras e unha sociedade máis integradora e que inclúa a todos e a todas” na clausura do curso da Escola de Vela Adaptada de Monte Real Club de Iates de Baiona. No acto, no que en representación da administración autonómica tamén participou a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro Vázquez, entregáronse os diplomas ao alumnado das distintas asociacións que participaron nesta edición. En total, foron 65 persoas con discapacidades físicas, psíquicas, sensoriais ou intelectuais procedentes do centro Juan María de Nigrán, da Asociación Vontade de Tomiño e do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Redondela as que tomaron parte nesta actividade, das que 42 recolleron hoxe o seu diploma.

Na súa intervención, Rey Varela destacou o labor que está a desenvolver esta escola do Monte Real Club de Iates de Baiona e as entidades que traballan coas persoas con discapacidade na provincia pontevedresa porque “contribúen a facer unha Galicia máis social e integradora”. “Non cabe dúbida”, engadiu o conselleiro, “que a actividade que desenvolve esta entidade supón un avance significativo para o progreso da sociedade xa que o valor desta tamén está en como trata as persoas máis vulnerables, e nisto esta escola é un exemplo a seguir”.

O responsable da área Social indicou que “esta nova etapa de impulso das políticas sociais en Galicia ten como obxectivo avanzar na consecución da igualdade real das persoas con discapacidade e a súa inclusión social en tódolos ámbitos”. Un compromiso ao que responde a nova Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, e que definiu como “a folla de ruta para dar pasos adiante na plena integración social e laboral deste colectivo”. Ao respecto, Rey Varela explicou que esta estratexia, na que están implicadas distintas consellerías, ademais do movemento asociativo e os profesionais do sector, céntrase en seis liñas prioritarias de intervención. Estas son: a accesibilidade, a autonomía persoal, a educación, a formación e o emprego, a saúde e os servizos sociais.

Así mesmo, cada un dos seis eixes de actuación da estratexia conta cunha serie de medidas concretas, ata sumar no seu conxunto preto de 500 accións. Algunhas destas medidas son o establecemento de liñas de axudas para mellorar a accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas; a concesión de subvencións individuais para a adquisición de servizos de promoción da autonomía persoal; a elaboración dun catálogo de postos de traballo para persoas con discapacidade no ámbito do emprego público ou o asesoramento e formación académica e profesional.

Distincións

O Monte Real Club de Iates de Baiona foi fundado en 1964 e a súa Escola de Vela Adaptada nace no ano 2012 co obxectivo de acercar o mundo de vela a persoas con algún tipo de discapacidade. A través da mesma, esta entidade deportiva organiza saídas ao mar para persoas con distintos tipos de discapacidade. No 2014 o club foi merecedor dunha distinción da Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) pola eliminación de barreiras arquitectónicas e o seu traballo con persoas discapacitadas; e máis recentemente, o pasado mes de marzo deste ano, a súa actividade tamén obtivo o recoñecemento de Boas Prácticas na Feira Internacional de Turismo de Berlín.

15 de xuño de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.