publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Rey Varela destaca o traballo de Asfaval na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Barco de Valdeorras
A-
A+
José Manuel Rey Varela na visita a Asfaval

José Manuel Rey Varela na visita a Asfaval

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou hoxe o centro de día da Asociación de Familiares de Persoas con Discapacidade Intelectual de Valdeorras (Asfaval), sito na localidade do Barco de Valdeorras. Esta visita forma parte da rolda de encontros que o titular da carteira autonómica está a realizar por toda a Comunidade Autónoma.

Rey Varela tivo a oportunidade de coñecer o “importante traballo que leva a cabo Asfaval, encamiñado a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, intentando dar resposta ás necesidades de integración social e laboral no medio ao que pertencen, o medio rural”.

Asfaval presta servizo á Comarca de Valdeorras e conta cun centro ocupacional con 15 prazas concertadas, no que os usuarios do mesmo realizan obradoiros de costura, reciclaxe, informática ou habilidades sociais entre outros. Así mesmo, a entidade conta cun centro de día no que se ofertan obradoiros de estimulación cognitiva e sensorial, de lecto-escritura ou de actividades básicas de vida diaria. Das 15 prazas que oferta a entidade na modalidade de centro de día, 3 son concertadas. Rey Varela destacou que “o Goberno autonómico non é alleo á importancia que teñen estes centros no desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade, polo que a Consellería de Política Social destina un importe de 140.636 euros para o mantemento destas 18 prazas”.

Tras a visita ao centro, o titular autonómico salientou que “este ano iniciamos o despregamento de novas prazas residenciais para persoas con discapacidade intelectual e a comarca do Barco de Valdeorras será unha das prioritarias”.

Plan de acción contra a discapacidade

O titular da carteira autonómica insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e as entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade”.

Neste sentido, o colectivo de persoas con discapacidade gaña en 2016 en presenza e en recursos económicos na carteira autonómica de Política Social. De feito, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou o seu peso nos Orzamentos da Xunta para a presente anualidade ata chegar aos 281,3 millóns de euros, cantidade que supón practicamente un terzo do global dos presupostos destinados ás políticas sociais. Ademais, esta nova etapa en políticas sociais signifícase por un traballo máis intenso coas entidades en temas como o desenvolvemento do Plan de Acción da Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, aprobada polo Consello da Xunta en novembro do ano pasado.

17 de xuño de 2016 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.