publicidade hoxe

Restauración, cestería, encadernación, ourivería e instrumentos musicais no V Corazón da Artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+

A oferta formativa do V Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que a Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza do 8 ao 10 de xullo nos Pendellos de Agolada, céntrase na restauración de cadeiras, a cestería, a ourivería e a encadernación, o afinado de gaita tradicional e a percusión tradicional.

Estas accións, destinadas tanto ao sector artesán galego como a persoas interesadas en achegarse ao mesmo, precisan de inscrición previa, que pode realizarse na páxina web artesaniadegalicia.xunta.gal, onde tamén se informa sobre os horarios e características de cada un dos cursos.

O obradoiro de Restauración e decoración de cadeiras será impartido pola artesá docente do CEARCAL, Ana González; Qué é unha xoia para ti? impartido pola ourive compostelá Susi Gesto; Introdución á encadernación copta impartirá o o artesán Pablo Otero, do obradoiro Pino Encuadernaciones; e Técnicas de cestería tradicional correrá a cargo do recoñecido cesteiro vigués Antonio Suárez.

A música tradicional estará mais presente ca nunca nesta nova edición do Corazón da Artesanía cun curso de afinado de gaitas dirixido por Daniel Bellón e un curso de percusión tradicional impartido por Kinhos Saburido. Os interesados en participar nestas actividades formativas teñen toda a información dispoñible e os formularios de solicitude de participación na páxina web artesaniadegalicia.xunta.gal. A Consellería de Economía, Emprego e Industria ampliará esta oferta formativa con outros obradoiros abertos aos visitantes e que non requiren inscrición previa.

O Corazón da Artesanía en Agolada converteuse nestes anos nun espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda, de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural.

28 de xuño de 2016 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.