publicidade hoxe

Raquel Arias visita o polígono de Cuiña en Cervo para anunciar obras por valor de 150.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Raquel Arias no polígono empresarial de Cuiña

Raquel Arias no polígono empresarial de Cuiña

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou esta mañá o polígono empresarial de Cuiña en San Cibrao, Cervo, co obxectivo de anunciar a posta en marcha de obras nesta área industrial que permitirán a mellora da estación depuradora de augas residuais (Edar) e que suporán un investimento de preto de 150.000 euros.

Arias explicou durante a visita, na que estivo acompañada polo alcalde da localidade Alfonso Villares, que esta mellora farase a cargo das ordes de apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria para colaborar cos municipios galegos na mellora competitiva e o impulso do emprendemento nos parques empresariais, dada a súa importancia no desenvolvemento económico das vilas de cara a impulsar o crecemento e a xeración de emprego.

Uns programas que contan con preto de 5 millóns de euros para os concellos galegos cos cales se desenvolverán actuacións en 17 parques na provincia de Lugo, onde se investirán máis de 1,7 millóns de euros.

A través desta liña de axuda que un ano máis aplica a Consellería de Economía, Emprego e Industria promoveranse, segundo indicou a delegada territorial, diferentes accións que abarcan a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, novas plantas de depuración de augas, xestión de residuos, vías de acceso aos parques empresariais, ou instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia, entre outros.

Na comarca da Mariña, ademais de no polígono de Cuíña, actuarase no de Mondoñedo, no que se acometerá a reforma do alumeado público encamiñada a favorecer o aforro enerxético, así como a mellora da sinalización viaria; en no parque empresarial de Camba, en Xove, onde se instalará un sistema de videovixilanza.

En conxunto, nas catro actuacións previstas nos tres polígonos industriais mariñáns mobilizaranse máis de 255.000 euros, o 80 por cento subvencionado pola Xunta.
Raquel Arias salientou que o Goberno galego concreta deste xeito a súa vontade de colaboración coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos para as arcas municipais, ao tempo que promove a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial.

27 de xuño de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.