publicidade hoxe

Raquel Arias destaca a repercusión mediática internacional que La Vuelta a España aportará aos municipios do sur lucense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, participou hoxe en Monforte de Lemos na presentación oficial da sexta etapa de La Vuelta a España 2016, que partirá desta cidade o día 25 de agosto percorrendo tamén os municipios lucenses de Bóveda, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil e Sober.

Arias subliñou que “a volta ciclista constituirá un importante escaparate para o sector turístico da Ribeira Sacra, debido á enorme repercusión mediática do evento, que se retransmite ata en 190 países, e mostrará ao mundo o incrible patrimonio natural e paisaxístico co que contamos”.
“A Vuelta –dixo- é unha das probas deportivas de maior impacto económico e social de toda Europa e pola súa enorme proxección internacional representa unha importante ferramenta de promoción para os concellos do sur da provincia fóra das nosas fronteiras e repercutirá positivamente no sector turístico e na dinamización da zona”.

Neste sentido, a delegada fixo especial fincapé no retorno económico que a competición xerará para a Ribeira Sacra e as súas zonas limítrofes e lembrou que “a súa extensa caravana deixou no 2014, último ano que estivo en Galicia, uns 4 millóns de euros na comunidade”.

Esta sexta etapa da Vuelta partirá de Monforte percorrendo 163 quilómetros por algúns dos paraxes naturais de maior beleza de Galicia, as ribeiras do río Sil, para concluír en Luintra, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín.

É a segunda e última das probas da competición que transcorrerá pola provincia, posto que un día antes, o 24 de agosto, parte de Viveiro a súa quinta etapa, que finaliza ese mesmo día na cidade de Lugo tras percorrer 170 quilómetros.

No 2013, a Ribeira Sacra foi tamén protagonista dunha das etapas de La Vuelta a España, que tivo como punto de partida o Concello de Sober.

21 de xuño de 2016 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.