publicidade hoxe

Preséntase a 19ª edición da “Subida Cidade de Pontevedra”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
Presentación da 19ª Subida Cidade de Pontevedra

Presentación da 19ª Subida Cidade de Pontevedra

A deputada de Deportes, Chelo Besada, presentou esta mañá en rolda de prensa a 19ª edición da Subida Cidade de Pontevedra, unha proba que forma parte do Campionato Galego de Montaña e que se desenvolverá entre os días 24 e 25 deste mes na cidade. A deputada provincial estivo acompañada pola concelleira de Deportes de Pontevedra, Anxos Riveiro, o presidente da Escudería Cidade de Pontevedra, Florentino Leiro Portela, e os pilotos Álex Viéitez e Víctor Magariños. Viéitez polo de agora é, ademais, o líder do Campionato Galego de Montaña e tamén o triunfador da edición pasada da Subida.

Chelo Besada lembrou que “o prazo de inscrición segue aberto ata mañá mesmo”, malia amosarse “segura de que seguirá a tendencia que leva dende a súa orixe: unha altísima participación, tanto de escudarías como de público”. A deputada provincial tamén tivo palabras de agradecemento á Escudería Cidade de Pontevedra, lembrando a boa experiencia das edicións anteriores e a súa “organización impecable”. O presidente da escudaría, que agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra, matizou que este ano “hai máis de 30 persoas apuntadas, pero agardamos que sexan entre 40 e 50 porque ao tratarse dunha proba de montaña a xente inscríbese a última hora”. De feito, agárdase contar cunha das mellores listas, en termos de participación, da historia desta competición.

Leiro Portela sinalou que, por mor das eleccións e a coincidencia cun día festivo este venres, houbo que facer unha serie de cambios no calendario final da proba, establecido “dende novembro do ano pasado”. Deste xeito, as verificacións técnicas se farán o venres pola mañá no porto das Corbaceiras e as probas, o venres a partir das 16:00 horas da tarde e o sábado ás 9:30 horas da mañá, sairán dende a parroquia de Marcón. Terán unha lonxitude de case 3,5 quilómetros, dende a estrada do campo de fútbol ata o Polígono da Reigosa, onde se atopa a meta. Tanto ao finalizar esta última como entre a unha e a outra, os coches estarán expostos na Praza de España en parque pechado. Ademais, a entrega de premios prevista para o sábado ás 17:30 horas terá lugar ao aire libre, diante da Casa do Concello.

Ambos os dous pilotos, tanto Viéitez como Magariños, sinalaron a Subida Cidade de Pontevedra como “unha das mellores probas de Galicia” tanto pola súa organización, o seu trazado e o seu público. Magariños asegurou, ademais, que “esta edición é máis bonita que as anteriores e un pouco máis técnica”.

A deputada provincial afirmou que “dende a Deputación apoiamos ao cen por cen os deportes da nosa provincia” mediante a elaboración de “políticas activas que escoiten as voces de todos os seus axentes dinamizadores”. Así mesmo, Chelo Besada quixo destacar a importancia desta proba como “un gran impulso para a economía e o turismo, porque son moitas as persoas que aproveitan esta celebración para achegarse á cidade e á zona, podendo coñecer máis de preto a marca Rías Baixas e todos os marabillosos recursos, patrimonios, gastronomía e demais que a nosa provincia lles pode ofrecer”.

20 de xuño de 2016 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.