publicidade hoxe

Política Social aposta polo envellecemento activo co proxecto ‘Camiño de Santiago 2016’ da Residencia de Maiores de Oleiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, leva a cabo na Residencia Asistida de Maiores de Oleiros (A Coruña) o proxecto ‘Camiño de Santiago 2016’, unha iniciativa de reeducación e mantemento da marcha que simula a ruta xacobea para motivar os residentes a aumentar o seu perímetro de marcha, favorecendo o mesmo tempo a integración e socialización entre eles. A preservación da marcha é un dos requisitos máis importantes para un envellecemento satisfactorio xa que diminúe o número de caídas, aumenta a forza e axuda a mellorar o estilo de vida dos maiores.

Os destinatarios deste programa serán residentes que acoden a fisioterapia para tratarse de alteracións no aparello locomotor e estarán divididos en dous grupos en función da súa autonomía e capacidade funcional da marcha. Deste xeito, poranse a disposición dos usuarios dous circuítos. Un primeiro estándar e outro adaptado en función das características dos usuarios

O primeiro grupo, composto por aquelas persoas con mellores condicións e sen alteracións de comportamento, marcará o ritmo e tempo que durará o proxecto, realizando un total de 226 voltas ao circuíto estándar (510 m) equivalente a 115,3 quilómetros, distancia do Camiño de Santiago comprendida entre Sarria (Lugo) e Santiago de Compostela. Unha vez acadado este obxectivo, os residentes participantes no proxecto acudirán a Santiago de Compostela, para asistir a misa do peregrino, recibir a Compostela que acredite que gañaron o Xubileo neste Ano Santo da Misericordia e gozar dun xantar de homenaxe xunto cos maiores da Residencia Volta do Castro de Santiago.

Deste xeito, a Consellería de Política Social dá un novo pulo ao envellecemento activo. Cómpre lembrar que a Estratexia Galega de Envellecemento Activo desde a Innovación 2016-2020 (ESGAEN), que será aprobada proximamente, ten o obxectivo de posicionar á nosa comunidade como referente no eido do envellecemento activo e saudable desde unha perspectiva centrada nas persoas.

23 de xuño de 2016 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.