publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O uso de drons na xestión forestal ou aplicacións para estimar o crecemento dos eucaliptos, novidades en Galiforest Abanca 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixón
A-
A+

A cuarta edición do monográfico forestal Galiforest  ABANCA, o cal se celebrará do 30 de xuño ao 2 de xullo no monte e instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón), será, ademais dun espazo de negocio e innovación, un foro para a posta en común da realidade forestal. Para elo contará cun interesante programa de actividades no que as xornadas técnicas terán un papel importante.

Así, o primeiro día do certame celebrarase unha atractiva xornada na que sete expertos abordarán a “Xestión forestal, certificación FSC e innovación”, e que estará organizada por FSC España, empresa de certificación que promove unha xestión dos montes ambientalmente responsable, socialmente beneficiosa e economicamente viable.

Abrirá este encontro Marcos Estévez, xestor de proxectos de FSC España, quen abordará a certificación forestal FSC e a innovación dende o monte ata o punto de venda. A continuación darase a coñecer EucaTool®, unha aplicación web para estimar o crecemento e produción de plantacións de eucalipto en Galicia, sendo Alberto Rojo, investigador de EucaTool®, o encargado de presentalo. 

A aplicación dos drons á xestión forestal e da tecnoloxía LIDAR ao inventario forestal (determina a distancia dende un emisor láser a un obxecto ou superficie utilizando un haz láser pulsado), serán outros dous temas abordados no marco desta xornada. Serán debullados, respectivamente, por Ramón Díaz, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e por Julia Armesto, docente da Universidade de Vigo. 

Por outra banda, tratarase a innovación e a xestión forestal no grupo ENCE, por parte de Isabel Sánchez, técnico de sostibilidade deste grupo, e tamén a mellora da ergonomía e rendementos na explotación con cable de arrastre, de man de Juan Majadas, do Centro Tecnológico Forestal y de la Madera de Asturias (CETEMAS). 

Mesa redonda 

A xornada rematará cunha mesa redonda centrada na xestión forestal en Galicia e a innovación, moderada por Vicente A. Pérez, xefe de estudos do Centro de Formación de Experimentación Agroforestal de Sergude.

21 de xuño de 2016 | 11:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.