publicidade hoxe

O PMA da Deputación da Coruña permitirá a Cambre contratar unha brigada municipal que se ocupe da mellora medioambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCambre
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, mantiveron esta mañá, na sede da institución provincial, unha reunión na que analizaron diversos temas relacionados co municipio.

O Plan de Medioambiente (PMA), dotado con 5 millóns de euros e destinado aos 93 concellos coruñeses para o financiamento de investimentos e actividades que contribúan a mellorar o entorno natural e a calidade ambiental da provincia, foi un dos asuntos centrais abordados na reunión.
A través deste novo plan povincial, Cambre recibirá un total de 37.713 euros, parte dos cales se destinarán a contratar unha brigada encargada de levar a cabo tarefas de limpeza, conservación e mellora ambiental no municipio, segundo explicou o rexedor cambrés.

O presidente provincial saudou a iniciativa do Goberno municipal de aproveitar o PMA para o dobre obxectivo de conservar o medioambiente e, ao mesmo tempo, xerar novos postos de traballo a nivel local, xa que este é precisamente un dos obxectivos principais do Goberno provincial.

Investimentos de 547.019 euros a través do PAS

González Formoso e García Patiño falaron tamén de dous investimentos que a Deputación aprobará no pleno do vindeiro mércores, 29 de xuño. En concreto, trátase da mellora e dotación de terreo de herba artifical para o campo de fútbol municipal de “Os Pinares”, en Brexo-Lema, cunha achega económica de 492.102,54 euros, e da renovación do firme de diversos camiños municipais en Seoane (Anceis) e A Patiña (Cambre), cun orzamento de 54.916,72 euros. Ambas as dúas obras irán incluidas dentro da cuarta e derradeira fase do Plan de Acción Social (PAS) da Deputación da Coruña.

O rexedor cambrés solicitou tamén o apoio económico da Deputación para a adquisición e implantación dun novo programa informático que facilite o traballo de xestión tributaria de determinadas taxas que recauda o municipio e que permita integrar a contabilidade municipal e o pagamento dende plataformas electrónicas.

As beirarrúas da Barcala, que se atopan actualmente en mal estado polo crecemento das raíces das árbores existentes na zona, foron outro dos asuntos abordados. O alcalde solicitou a colaboración da institución provincial para a retirada das árbores e a reposición das beirarrúas.

23 de xuño de 2016 | 17:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.