publicidade hoxe

O Plan Concellos achega 105.000 euros a Vilagarcía e a Vilanova para o pagamento de gastos correntes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de darlle o visto bo a dúas axudas económicas para os concellos de Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa. No caso de Vilanova a achega é de 87.161,30 € para o pagamento a acredores de gasto corrente, mentres que para Vilagarcía o importe é de 18.000 € para o pago de gasto corrente novo, en concreto a enerxía eléctrica do Auditorio Municipal. Ambas contías inclúense dentro da liña 2 do Plan Concellos 2016 que a institución provincial desenvolve ao longo deste exercicio.

Con esta nova achega, e no que vai de ano, a Deputación leva entregados 262.284,99 € ao concello de Vilanova de Arousa, o que representa o 45,1% do total previsto no Plan Concellos para este municipio de Arousa. Dentro da liña 2 esta é o primeiro importe aprobado polo ente provincial, que vén sumarse aos 22.591,74 € da liña 1 –investimentos-, aos 21.790 para a liña 3 -actividades deportivas, culturais, musicais e mediambientais-, e por último, outros 130.741,95 € na liña 4 -plans de emprego – para a contratación de 22 traballadores e traballadoras municipais.

No concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación provincial achegou ata agora un total de 416.531,57 €, o que representa o 28,7% do total previsto no Plan Concellos 2016. Dentro da liña 2, o novo investimento aprobado vén sumarse a outros dous por un total de 15.500 € para os gastos de limpeza da Escola Municipal de Música e o pago da enerxía eléctrica nas instalacións deportivas. Na liña 1 -investimentos- no que vai de ano aprobouse unha contía de 16.028,53 € para un sistema de megafonía no salón de plenos municipal, mentres que na liña 3 -actividades deportivas, culturais, musicais e medioambientais- dende a Deputación déuselle o visto bo a uns investimentos por valor de 44.681 €. Por último, na liña 4 -plans de emprego- achegouse unha contía de 322.322,04 € para a contratación de 34 traballadores e traballadoras.

3 de xuño de 2016 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.